En Marea denuncia a deficiente xestón dos Fondos Europeos por parte do Goberno da Xunta
O goberno de Núñez Feijóo deu de baixa a terceira parte dos fondos europeos pese a presumir de bo xestor demostrando unha vez máis a súa incapacidade .
O grupo de En Marea denuncia a incapacidade de xestión por parte do Goberno da Xunta que demostran os datos que se desprenden do Informe de fiscalización dos Fondos Europeos que entregou no Parlamento galego o Consello de Contas, a xestión dos Fondos europeos foi manifestamente deficiente no exercicio 2016. A Xunta de Galicia deu de baixa durante o exercicio 278 millóns de euros, dun total de 788 de crédito inicialmente dispoñible, ou o que é o mesmo, a terceira parte dos fondos europeos dos que dispoñía a Xunta foron dados de baixa, por incapacidade de xestionalos.Estas baixas que afectaron mesmo en porcentaxes superiores a programas como o FEMP 2014-2020 (baixa do 75%), FEDER 2014-2020 ( baixa do 62%) ou FSE 2014-2020 (36%).
“Como certifica o Consello de Contas non é alleo a esta deficiente execución, o feito de ter aprobado o PDR 2014-2020 en novembro de 2015, polo que moitos das liñas incluídas no PDR no 2016 non se puideron nin iniciar” sinalou o viceportavoz de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez.
Desde En Marea destacan así que esta deficiente xestión, que afecta a sectores estratéxicos do programa europeo como innovación, investigación, tecnoloxía, sostibilidade, cambio climático e economía dixital, supón unha perda de impulso económico e de moitos proxectos e subvencións, evidenciando que o goberno galego é incapaz, ano tras ano, de xestionar eficazmente os recursos que a Unión Europea pon a disposición da Xunta para executar os distintos plans e programas.