Redacción •  Galicia •  27/11/2016

EU súmase á denuncia do Foro Galego de Inmigración contra a brutal expulsión dun veciño de Compostela de 19 anos

“Estamos ante a enésima demostración de inhumanidade e de violación permanente dos dereitos humanos da ditadura do capital”, sinala Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e ex deputado de AGE.

Esta mañá de domingo estase a  consumar a brutal e inhumana expulsión, contraria ao dereito, dun mozo de 19 anos veciño de Compostela e que leva vivindo con nós desde que tiña 4 anos. A súa nai, enferma, así como a súa familia residen na capital Xacobea.

“O aeroporto de Barajas convértese así, e por desexo da dereita caníbal que nos goberna, en expresión da deportación a través dos malditos voos orquestrados ben polo ministerio, ben pola compañía Air Europa. Un mozo que non cometeu ningún delito, a non ser que sexa delito vivir entre nós desde os 4 anos ou que o sexa ser tutelado pola Xunta de Galicia”, explica Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e ex deputado de AGE.

“Só o racismo ou a xenofobia máis cruel poden explicar este ensañamento e a premura en expulsar a unha persoa inocente. Estamos en crise de valores. A humanidade está en crise porque estamos soportando democracias devaluadas, cun estado de dereito anémico. E só poderemos saír desta crise se anulamos e derrogamos todas e cada unha das leis racistas que permiten e amparan estas arbitrarias actuacións. Só poderemos construír democracia se anoan os vínculos mediante a cooperación”, expresa Ron nada máis ser coñecedor destes feitos, denunciados onte polo Foro Galego de Inmigración.

“Tal e como o explican, se tivera un informe de arraigo social, sobradamente demostrado, teríase aforrado un auténtico inferno e unha inxustiza de dimensións incalculables, análogas ás deportacións que os nazis realizaban cos xudeus só polo feito de seren diferentes. Aquí aos que son diferentes e non teñen un documento… deportámolos”, di Ron.

Por todo isto, Esquerda Unida súmase á denuncia realizada polo Foro Galego de Inmigración e esixe que se derrogue a Lei de Estranxeiría e os seus Regulamentos. Tamén pedimos que os corpos de seguridade cumpran realmente coa súa obriga e que non sexan brazos executores da ignominia que remata, como esta vez, en episodios inhumanos.


AGE /  Esquerda Unida /