Redacción •  Galicia •  28/01/2020

Esquerda Unida denuncia o empobrecemento das familias en Galicia, que será analizado pola ONU

“Mentres o PP fala de mellora económica, as familias non chegan a final de mes, temos máis traballadores pobres e España, quinto país con maior crecemento da UE, ten unha media de desemprego maior que a europea”, di Solla.

Esquerda Unida denuncia o empobrecemento das familias en Galicia, que será analizado pola ONU

Compostela, 27 de xaneiro de 2019. O noso país está no foco de atención da ONU coa visita do relator especial da ONU sobre Pobreza Extrema e Dereitos Humanos, Philip Alston, que chegará mañá a Galicia para reunirse con persoas en situación de pobreza, exclusión social e cun colectivo de persoas con discapacidade para analizar a situación de pobreza e vulnerabilidade do noso país.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada do Grupo Común da Esquerda, Eva Solla, lembra que “xa temos denunciado en reiteradas ocasións problemas derivados dos empregos precarios e levamos anos asistindo ao empobrecemento da clase traballadora, un problema que é xa estrutural e que semella non importar ao Goberno de Núñez Feijóo, que fala de recuperación económica cando os indicadores de pobreza, segundo a ONU, apuntan todo o contrario”.

As familias, despois da crise, teñen máis problemas para subsistir. En Galicia, máis de medio millón de galegas e galegos viven en situación de pobreza ou exclusión social e, en poucas o ningunha son as medidas que leva a cabo o Goberno galego para facerlle fronte. Un 25% da poboación infantil vive en risco de pobreza. Ademais, un 17% de traballadoras e traballadores cobran menos de 350 euros ao mes por mor da precariedade laboral.

“Mentres o PP fala de crecemento económico, as familias non chegan a final de mes, temos máis traballadores pobres e España, quinto país con maior crecemento da UE, ten unha media de desemprego maior que a europea”, di Solla.

Pero os datos da desigualdade son especialmente cruentos, ademais de coa mocidade, coas mulleres. “Case o 60% das persoas que están en desemprego son mulleres e, as que traballan, ingresa menos cos homes. A fenda salarial, chegou a un máximo histórico do 30% en Galicia, o que incide na feminización da pobreza”, apunta Solla.

Eva Solla sinala que “os recortes da última década en Galicia tamén afectaron de maneira directa á calidade dos servizos públicos, destacando os recortes en educación ou sanidade, neste último tivo que recuar abrindo o de novo o paritorio de Verín”.

“Ante a incapacidade do Goberno Galego de xerar emprego de calidade e de mellorar a situación de pobreza e vulnerabilidade, dende Esquerda Unida estaremos pendentes ao informe, que se emitirá tras a visita do relator da ONU, e que sairá o 7 de febreiro cunha serie de recomendacións que introduciremos no programa de traballo cara ás Autonómicas. Estas medidas irán encamiñadas a paliar os problemas principais, que son o desemprego, a precariedade laboral e os recortes en servizos públicos”, remata Eva Solla.


Esquerda Unida /  ONU /  pobreza /