Anova •  Redacción •  Galicia •  28/03/2020

Antón Sánchez denuncia a inoperancia do Goberno Feijóo na crise do coronavirus e insiste na urxencia de medicalizar as residencias de maiores e dotalas de máis recursos materiais e humanos

Durante a súa intervención desta semana no Parlamento de Galicia, o voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas recordoulle ao presidente da Xunta que "a privatización das residencias tradúcese nunha peor atención aos nosos maiores", e que o como colectivo "son un dos máis vulnerables da crise do Covid-19". 

Antón Sánchez denuncia a inoperancia do Goberno Feijóo na crise do coronavirus e insiste na urxencia de medicalizar as residencias de maiores e dotalas de máis recursos materiais e humanos

O deputado recordou que as residencias de maiores «están a ser un dos principais focos de contaxio en Galicia» é que é unha necesidade urxente «medicalizalas e dotalas de máis recursos naturais e humanos», algo que a coalición leva días reclamando. Para Sánchez, a atención ás persoas maiores «non pode converterse nun negocio millonario para os fondos de investimento».

MEDIOS DA SANIDADE PRIVADA A DISPOSICIÓN DO COMÚN 

Por outra parte, o voceiro reclamoulle a Alberto Núñez Feijóo o dar conta das xestións que se teñen levado a cabo «se as houbera», para poñer a disposición do interese xeral «todos os recursos e medios das entidades privadas» segundo permite o Real Decreto que regula o Estado de Alarma.

Sánchez recordou que a dirección da empresa HM, que conta con cinco centros hospitalarios en Galicia, instou aos seus traballadores a cesar voluntariamente a súa actividade para reducir custos. «Díganos cal é o papel da sanidade privada nesta crise tras anunciar o ano pasado beneficios históricos. Dar vacacións e despedir persoal?» -espetoulle o deputado ao presidente da Xunta-,

CRÍTICA AOS RECORTES SANITARIOS

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas acusou a Feijóo de eludir as súas responsabilidades «buscando chivos expiatorios noutras administracións» e fixo unha firme defensa da sanidade pública. «A pandemia pon ao descuberto o lesivo dos recortes realizados nos últimos anos fronte ao beneficio do capital» -expuxo- aclarando que as política de xestión levada a cabo dende o PP na Xunta de Galicia deixan á sociedade «en desvantaxe para combatela», recordando que o coronavirus serviu para amosar «que é a sanidade pública a que dá a cara e saca as castañas do lume cando hai dificultades».

AGRADECEMENTO AOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DA SANIDADE PÚBLICA

Na súa intervención, o deputado tamén agradeceu a inxente tarefa desenvolvida estos días por todos os e as profesionais da sanidade pública esixíndolle ao presidente da Xunta «estabilidade na contratación» e o fin dos «contratos lixo» para o persoal médico e de enfermería, así como todos os medios que sexan pertinentes para que poidan desenvolver o seu labor coa máxima seguridade. 

XUSTIZA SOCIAL ANTE A CRISE VINDEIRA

Antón Sánchez reclamou tamén ao Goberno galego que a crise que está a provocar a pandemia do Covid-19 «non a paguen os de sempre» como aconteceu no ano 2008. O deputado aposta por «unha saída xusta» e o lanzamento dende a Administración galega dunha liña de axudas a fondo perdido para PEMES e persoas autónomas, instando ao Executivo da Xunta a elaborar uns novos orzamentos que inclúan medidas de redistribución fiscal que teñan o consenso de todas as forzas do Parlamento galego. 


Alberto Núñez Feijóo /  Anova /  Antón Sánchez /  coronavirus /  COVID-19 /  Galicia en Común-Anova Mareas /  Parlamento de Galicia /  Partido Popular /  PP /  Xunta de Galicia /