A deputada de En Marea quixo poñer o foco sobre inxustizas e recurtes sobre os que o informe da Valedora pasa nas puntas dos pés, como as lista de agarda, a mala cobertura sanitaria, ou a desatención das necesidades educativas especiais.
“É absolutamente intolerable que cando o desemprego e as condicións de traballo son sen dúbida un dos maiores problemas da sociedade galega, se despache esta sección en apenas dez páxinas, botando balóns fóra na maior parte dos casos e obviando que é un problema transversal sobre o que a administración pública non está actuando correctamente”, destacou a representante de En Marea. Que, ademais, tildou de “arbitraria” a relación de queixas detalladas; “case sempre empregando como referencia aquelas que poden derivar responsabilidades alleas á Xunta, como un novo elemento de transformación da Valedora do Pobo na Valedora do goberno do PP.
Especialmente preocupante é a falta de concreción sobre a queixa que se menciona, pero non se explica, referida ao sistema público de pensións. Unha cuestión que está sacando a milleiros de cidadáns á rúa, e que “para a Valedora, igual que para o PP, non é importante”. “Non é de recibo que se obvie unha reivindicación social” desta relevancia; e se actúe, pola contra, “como parapeto” do executivo popular, denunciou a representante de En Marea.
Luca Chao criticou tamén a “sucesión de excusas” que a Valedora emprega para xustificar a cada vez máis precaria situación do sistema sanitario público galego. “Falta á verdade cando fala desta situación como algo inevitable. Porque non, señora Valedora. Os recortes non eran necesarios nin inevitables. Foron recortes políticos, consecuencia de decisión políticas. E vostede non debera avalar coma se tal cousa decisións políticas, porque esa non é a súa función. Non é a valedora do Partido Popular”, recalcou a deputada de En Marea, que lembrou a situación de desprotección na que teñen quedado moitas persoas coa eliminación do dereito á cobertura sanitaria universal.
Na ára de servizos sociais, emprégase a mesma técnica de exonerar á administración, excepto cando se trata de casos documentados en concellos non gobernados polo PP, ou de Venezuela. Nese sentido, Luca Chao sinalou que “A Xunta incumple desde 2013 a súa propia lei ao non desenvolver efectivamente o Decreto da RISGA, que segue en tramitación”.
Con respecto á dependencia, continúan os retrasos nas avaliacións para o acceso ao recoñecemento de discapacidade. Algo que, tal e como destacou a deputada de En Marea, chega a ter como consecuencia o falecemento do solicitante antes de que este vexa recoñecida a súa situación.
No que se refire á accesibilidade, En Marea quixo lembrar á Valedora as numerosas queixas. “Esquece que a lei establecía a necesidade de eliminar as barreiras antes do 4 de decembro de 2017?”, preguntou a deputada. Que, ademais, reclamou a presentación do comprometido informe monográfico sobre esta cuestión.
Por último, En Marea criticou a “escandalosa asunción do argumentado do PP por parte da Valedora” no que se refire ao ensino; transformando os peches de centros en eufemísticas reestruturación ou reorganizacións. “Pretender exculpar o proceder do goberno neste asunto, con nocturnidade e alevosía, vai máis lonxe da inxenuidade: é tomar partido”, concluiu Luca Chao.