EU •  Redacción •  Galicia •  28/04/2018

Pablo Sapag, Eva Solla e Javier Couso debaten en Vigo sobre a situación de Siria dentro do contexto de Oriente Medio na conferencia: “Siria en perspectiva”

Esquerda Unida vén de organizar este venres en Vigo a conferencia: “Siria en perspectiva”, baseada na presentación do libro, do mesmo título, escrito por Pablo Sapag, profesor da Universidade Complutense de Madrid. Nesta conferencia tamén abordouse a situación de conflito que se está a vivir no país dende unha perspectiva tanto académica como política.

Pablo Sapag, Eva Solla e Javier Couso debaten en Vigo sobre a situación de Siria dentro do contexto de Oriente Medio na conferencia: “Siria en perspectiva”

“Debemos sentirnos orgullosas de ser unha organización que sempre apostou pola paz nestes conflitos, como pasou en Irak, Libia e agora Siria, conflitos caracterizados pola desinformación e a propaganda que rodean ás guerras imperialistas”, di Solla, que destaca que “a única maneira de acadar a paz e a estabilidade é dende o diálogo, tal e como recoñecen as Nacións Unidas na súa Resolución do ano 2015”, indica a coordinadora nacional de Esquerda Unida e Secretaria Xeral do Partido Comunista de Galicia.

Segundo explica o eurodeputado de IU e Vicepresidente da Comisión de Asuntos Exteriores do Parlamento Europeo, Javier Couso, “a historia de Siria cóntanse dende unha soa fonte, onde sae toda a información”, ao seu xuízo, “isto é precisamente o perigo da desinformación”, que provoca un relato maniqueo onde hai “villanos e persoas boas”. “Temos que loitar contra a inxerencia de países que pensan que poden actuar sobre outros con escusas baseadas na demonización do inimigo coa fin de usar a forza con ‘consenso público’, tal e como dixo Goebbels”, sinalou.

Pola súa banda, Pablo Sapag reforzou esta última idea: “Eu, como sirio, con familia Siria, vexo que o problema desta guerra é a manipulación e a desinformación constante. Precisamente, foi por estas informacións propagandísticas que decidín escribir este libro, xa que só podes antepoñer estes prexuízos con argumentos sólidos”, razoa. “Siria é un país complexo, o Estado Sirio é aconfesional como único xeito de garantir a súa multiconfesionalidade”, conta. “O problema, ademais da situación xeoestratéxica que ocupa Siria, tamén é ese 20% da sociedade que quere confesionalizar o Estado, e iso supuxo un terceiro levantamento. Isto é un problema que fainos ser moi cautelosos respecto ao futuro deste país”, remata.


Esquerra Unida /  Eva Solla /