En Marea acusa ao PP de vender o país «a prezo de saldo» coa nova proposta de Lei de fomento de iniciativas empresariais
O viceportavoz de en Marea no Parlamento galego, Antón Sánchez, asegurou que o texto presentado polo Partido Popular "busca acabar coas garantías ambientais e a participación pública da cidadanía" para beneficio das grandes empresas.
Sánchez denunciou que a proposta dos conservadores «non é outra cousa que a continuidade acelerada da política de Feijóo de vender o país a pedazos e prezo de saldo, entregando o noso territorio a cambio de nada ou o que é peor, da destrución da nosa paisaxe e o noso medio ambiente».
Para o deputado, «o Goberno Feijóo está a especializar a Galicia na produción de materias primas baratas que non crean valor engadido pero sí provocan un forte impacto no territorio«, dado que esta iniciativa dos populares baséase na eliminación de trabas administrativas, o que na práctica supón «acabar coas garantías ambientais e a participación pública da cidadanía».
O vicevoceiro de En Marea asegurou que á formación non lle gustan «nin o qué nin o cómo» desta lei, xa que se optou pola vía de urxencia reducindo as posibilidades «de dar un debate profundo» e polo tanto a capacidade de participación. Para Sánchez, «estamos ante un desprezo máis dun partido que aspira a ser un partido totalitario no qu ehai unha sobreactuación na publicidade e propaganda pero pouca organización e planificación» mentres que «os que sí están a planificar son os das grandes empresas especialmente do sector eléctrico, mineiro ou forestal» co Presidente da Xunta ao seu servizo.
LIBERALIZACIÓN DO SECTOR EÓLICO
Para o deputado, con esta proposta, o PP o que busca «é colar pola parte de atrás» medidas destinadas para beneficiar os intereses específicos de grandes empresas destes sectores». Así, no sector eólico, «non se fixo nada e agora o que se pretende é a liberalización do sector para que quede aínda máis nas mans dunhas poucas empresas que son as únicas capacitadas para cumplir os requisitos». Con semellante iniciativa, «o PP impide que o vento reverta na mellora da calidade de vida dos galegos e galegas para garantir un negocio especulador dunhas poucas empresas«. Así «o 90% dos beneficios obtidos polo vento en Galicia vai parar a empresas de capital estranxeiro de fóra do territorio e sen case retorno para a nosa xente». Antón Sánchez denuncia que «o modelo que quere o Goberno Feijóo é o que deixa no noso territorio os graves impactos pero tan só as migallas dos beneficios».
MODIFICACIÓNS NO PLANO MINEIRO E FORESTAL
O vicevoceiro de En Marea denunciou tamén que no sector mineiro «o que se está a facer é barra libre para as grandes empresas e total desprotección da cidadanía reducindo entre outras cuestións os prazos na tramitación dos expedientes e optando porque o silencio administrativo sexa considerado como un si á hora de sacar adiante un proxecto mineiro neste país«.
Pola súa banda, no plano forestal, «o PP continúa a fomentar madeira barata para pasta ou papel desbotando non novos modelos e repetindo a eliminación de trabas administrativas que novamente se traducirán en graves impactos«.
UNHA NORMATIVA A MEDIDA PARA FAVORECER ÁS GRANDES EMPRESAS
Para Antón Sánchez, a nova Lei proposta polo PP crea «incentivos ás empresas que se cargan aos concellos», que ademáis «terán que correr coa conservación dos espazos dotacionais cedidos» e «non a Xunta de Galicia como tentan facer ver».
Ademáis, coa creación de figuras e definicións tan vagas coma os proxectos singulares ou de especial interese «ábrese a porta para implantar modelos que lle interesen ao Goberno que toque» e «redúcese a exposición pública» o que implica «impedir ou dificultar que a cidanaía faga fronte a determinados proxectos empresariais.