28/11/2019

Eva Solla urxe ao Goberno a implantar o servizo de psicoloxía na atención primaria

 “Contamos cun profesional de psicoloxía por cada 100.000 habitantes, algo moi inferior á media do Estado e moi inferior ao recomendado pola Organización Mundial da Saúde”, sinala Eva Solla.   

Eva Solla urxe ao Goberno a implantar o servizo de psicoloxía na atención primaria

Compostela, 28 de novembro de 2019. Eva Solla, deputada e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, destacou esta mañá na Comisión de Sanidade a necesidade histórica de rematar coa carencia de psicólogas e psicólogos clínicos no Sergas e pediu explicacións ao director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, de como este servizo tan necesario non está implantado na atención primaria.

“Hoxe levamos unha cuestión moi importante: a situación da saúde mental no noso país. Nós xa solicitamos partidas específicas nos orzamentos para un Plan de Saúde Mental que nunca chega á nosa comunidade. A situación da psicoloxía no noso país é sangrante, xa que contamos cun profesional de psicoloxía por cada 100.000 habitantes, algo moi inferior á media do Estado e moi inferior tamén ao recomendado pola Organización Mundial da Saúde”, explica Solla.

“Dende este Grupo Parlamentario temos recomendado que se incrementen as unidades de atención, que se homoxeneicen os criterios e que se cren servizos específicos e propios para estas doenzas”, apunta Solla. A deputada lembra que “en Galicia temos un grado moi elevado de ansiedade crónica, que roza o 13%, e de depresión, do 12%. Tamén temos unha taxa moi alta de suicido. Por todo isto, unhas 225.000 persoas toman antidepresivos en Galicia, unha cifra elevadísima”.

Con estas cifras, Solla pregunta sobre que valoración fai o Goberno de que “só houbera tres prazas para psicólogos/as clínicos nos últimos dez anos, cal é o motivo de que non se implante este servizo na atención primaria, porque non se conta con servizos propios e cando ten pensado o Goberno levar a cabo as históricas demandas da psicoloxía clínica no Sergas”.

Dende Esquerda Unida denunciamos a vergoñenta situación da atención psicolóxica en Galicia e vemos necesario incorporar o servizo de psicoloxía clínica na atención primaria, tal e como se está comezando a levar a cabo en outras comunicades como Asturias ou Aragón.

“Unha de cada tres consultas ten que ver coa ansiedade e a depresión e, nesta situación, é preciso implantar este servizo na atención primaria. Agora temos unha espera de nove meses na atención psicolóxica que se suple con fármacos, algo que non se pode facer”, remata Solla.