Antón Sánchez leva ao Parlamento de Galicia á volta á xestión pública das residencias privatizadas por Feijóo
O deputado leva á Deputación Permanente da Cámara galega un "Plan de Xestión Pública das Residencias e Centros de Atención á Dependencia", para conquerir "que con urxencia" a meirande parte das institucións privatizadas polo PP de Alberto Núñez Feijóo volvan a depender da Administración.
“Demostrouse que o poñer o negocio por riba da saúde custa vidas. Os datos non enganan”, afirmou Antón Sánchez, logo de recordar que a política fiscal “é a maneira que temos de recadar impostos e acadar recursos para realizar políticas públicas”.
Para o portavoz nacional de Anova, mudar a política fiscal do Goberno Feijóo permitiría tamén un reforzamento da sanidade pública en Galicia, apostando pola redución paulatina dos convenios con entidades da sanidade privada e rematando coa precariedade que sofren as traballadoras e traballadores do Servicio Galego de Saúde (Sergas). “Precisamos uns orzamentos adaptados a esta nova realidade e una política fiscal que deixe de beneficiar ás grades fortunas do país”, subliñou o tamén voceiro da coalición Galicia en Común-Anova Mareas.
Sánchez tamén se referiu á política de Feijóo en materia de vivenda, en relación á carta enviada pola Xunta ao Goberno central reclamando que non se impidan os desafiuzamentos durante a crise para permitir que o mercado inmobiliario non se arrefríe.
“Non nos fai falta ningunha carta para saber que a súa preocupación nas políticas de vivenda son os que especulan con ela. Nos peores anos dende o estoupido da burbulla inmobiliaria vostedes abandonaron a miles de persoas que precisaban políticas públicas para ter un teito. Esa actitude corrobórase agora, tamén nesta crise”, dixo Antón Sánchez en referencia á política de vivenda do PP en Galicia nos últimos anos.
Así mesmo, criticou “a demagoxia deste Goberno, que nin sequera exonerou do pago das vivendas de titularidade do Instituto Galego de Vivenda e Solo ás persoas que perderon os seus ingresos”, e cuestionou “a insuficiencia de financiamento do Plan Estatal de Vivenda, cando no programa anterior a Xunta de Galicia practicamente non aportaba case nada ás liñas de axudas ao aluguer.”
Neste momento a Xunta de Galicia vai recibir 5,7 millóns de euros do Estado destinados a axudas para o aluguer. “Seguramente sexa unha cantidade insuficiente para as necesidades que temos neste momento de emerxencia social, pero é o triplo do orzamentado polo goberno de Núñez Feijóo para un plan vixente 2018-2021”, lembrou Sánchez.