Redacción •  Galicia •  29/07/2016

Antón Sánchez denuncia a “nefasta xestión” dos fondos europeos por parte do Goberno de Alberto Núñez Feijóo

O viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda lembra que Galicia afastouse da converxencia con Europa nos anos de mandato do Partido Popular e que a uns meses de que finalice o prazo para executar as axudas comunitarias o 35% dos fondos Feder está sen utilizar.

Antón Sánchez denuncia a “nefasta xestión” dos fondos europeos por parte do Goberno de Alberto Núñez Feijóo

O informe do Consello de Contas a respecto da execución dos fondos europeos deixa ver, a dicir do viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda Antón Sánchez, “a nefasta xestión” dos Gobernos de Alberto Núñez Feijóo. Se as axudas comunitarias marcaban como obxectivo que a converxencia de Galiza coa media europea pasase do 89% -en 2009- ao 95%, o certo é que baixou e atópase no 80%. “As cifras reflicten a deficiente xestión do PP”, insistiu Sánchez, nunha comparecencia de prensa esta mañá no Parlamento galego.

Nunha das partidas máis importantes, a denominada Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), o incumprimento da Xunta resulta especialmente grave. Dos 2916 millóns de euros do programa, cuxo prazo remata este ano, só se executou o 64,93%. “É un desbaldir recursos”, afirmou o viceportavoz de Alternativa, “estamos falando de máis de 800 millóns sen executar a mediados de 2015”.

Pero “a falta de capacidade e vontade” dos gobernos de Feijóo na execución dos fondos europeos oculta, en palabras de Antón Sánchez, que o PP non quere “superar a economía da especulación”. Mentres os cartos comunitarios destinados a grandes infraestruturas si se executan a un nivel razoábel, aqueles relacionados coa investigación e o desenvolvemento ou coas empresas fican paralizados. O fondo dedicado á innovación empresarial só se executou nun 51%, o fondo tecnolóxico, 40,18% e aquel para a “economía baseada no coñecemento”, un 69%.

Os fondos europeos analizados no informe do Consello de Contas corresponden aos programas 2007-2013, que contan con dous anos a maiores de prazo de execución. En 2014, o organismo fiscalizador denuncia unha “peor xestión orzamentaria” e recomenda “maior axilidade para non correr o risco de perder fondos”. Nese ano, os fondos descenderon 95 millóns e executáronse 77 menos. “A situación é moi preocupante, porque o programa 2014-2020 dedica a I+D+i e a desenvolvemento empresarial o 80% dos fondos. Hai un cambio de prioridades na Unión Europea. Se non cambian as políticas da Xunta, haberá un problema aínda máis grave”, -asegurou- ao atoparse Galicia «na cola da execución do Fondo de Compensación Interterritorial», rematou Sánchez.


AGE /  Alberto Núñez Feijóo /  Alternativa Galega de Esquerda /  Antón Sánchez /  Partido Popular /  PP /  Xunta de Galicia /