En Marea •  Redacción •  Galicia •  29/08/2016

En Marea celebra unha xornada de traballo en Santiago de Compostela

Durante a mesma o candidato á presidencia da Xunta de Galicia da formación, Luís Villares, lembrou a aposta por constituír En Marea como suxeito político chamado a ser lugar de encontro de persoas e proxectos que querían construír unha mesma sinfonía con diferentes tons soando acompasados e sabéndose parte do mesmo proxecto. “A outros gústalles moito a uniformidade, eles son uniformes e impoñen o silencio, dentro e fóra. O poder sen control é o que lles gustaría a eles. Nós nacemos para rachar con este tempo de silencio, amargo, como describira Martín Santo. Nós temos a forza da razón, a forza da ilusión, a forza do compromiso” sinalou Luís Villares.

En Marea celebra unha xornada de traballo en Santiago de Compostela

Durante as últimas semanas lembrou Villares visitou moitos lugares do noso país para explicar quen era, que pensaba e que sentía pero sobre todo a escoitar, a aprender, pero tamén encherse de ilusión, de sorrisos, de miradas que comparten os mesmos desexos. “Hoxe estades aquí como dignas representantes de toda esa xente, hoxe nós temos a responsabilidade de non fallar aos que confían neste proxecto, hoxe nós representamos a fundada esperanza da xente do común. Non están detrás nosa, están ao noso lado” afirmou o candidato á presidencia.

Villares referiuse tamén ao proxecto de En Marea “colectivo, participado por máis de 11.000 persoas, que comezou simbolicamente cunha confluencia, a dos azos feitos palabra dos Alcaldes do cambio, empurraron deste proceso. “Observámonos na Marea Atlántica que inundou A Coruña con boas ideas da súa xente, na apertura das pedras de Compostela para observar o interior da cidade que agora si que é de todos e todas, e tamén no Ferrol construído en común coa xenerosidade da xente sen par que se uniu para procurar ese ben común” dixo Luís Villares. O candidato lembrou tamén outros concellos que tamén impulsaron o cambio como Mondariz, Sada, a Pobra, Manzaneda, “sitios onde só chegar xa unha escoita outra harmonía, a do construído en conxunto coa cidadanía e non ás súas costas ou contra elas”.

No seu discurso o candidato fixo referencia ás propostas de En Marea que quere transformar este país e gobernar en clave de unidade nacional, sen discriminar a ninguén. “Produce bochorno ver a sinatura de convenios da Xunta, de chuvia incerta de millóns aos concellos gobernados polo PP, coma se o resto non estivese habitado por galegos e galegas. Nós non practicaremos o sectarismos. Porque para nós, todas e todos importan. Este cambio de mentalidade é transformar Galicia” comprometeuse. “Rematou o tempo das coalicións do PP coas grandes empresas e coa corrupción” afirmou.

“Queremos transformar Galicia para construír un futuro mellor que se funde na solidariedade e na xustiza social. A democracia non pode quedar reducida ao plebiscito silencioso dunha poboación á que non aprecian eses políticos que só saben irlle pedir o voto cada catro anos, sen despois querer saber nin dela nin dos males que lles producen as súas políticas” explicou Luís Villares. No seu discurso defendeu o autogoberno e a necesidade de esgotar todas as competencias e aspirar a toda a capacidade de decisión propia, “non queremos que ninguén lle poña límites a Galicia”. “Outros teñen unha imaxe de Galicia gris, escura, subordinada a intereses persoais e económicos que en nada axudan. Viven Galicia sen vivir nin escoitar á súa xente. Non coñecen á xente deste país, non lles interesa. Teñen tan pouco agarimo por esta Terra que están dispostos a vendela ao mellor poxador, sexa unha empresa de madeira, unha minería salvaxe ou explotacións nas rías que acabarían con toda a xente do mar” denunciou o candidato á presidencia de En Marea.

“Esta Marea é un país erguéndose para conquistar o seu futuro. Queremos xa un goberno honrado. Galicia, a súa xente, quere ter a súa oportunidade, quere construír o seu futuro” continuou Villares que destacou o camiño percorrido ata agora “escoitando a Antón discutirlles no Parlamento, enchéndoo de palabras de dignidade, de rabia por ver o que facían co noso; atopámonos nas mesmas prazas con Carmen, exemplo de compromiso e xenerosidade que, sen perder o sorriso., fíxolles fronte aos tristes; asomaba tamén Ánxeles que dende a imaxinación recordábanos o importante que é soñar, e facelo con talelnto, con enerxías renovadas. Sumábase Paula dende as raíces videiras dunha terra labrada pola auga e o suor.. así nos fumos xuntando”.

“Son Luís Villares e vou ser, como diría Allende, o compañeiro presidente da Xunta de Galicia para que esa Xunta volva a ser patrimonio de todas as persoas deste país, para que a xunta non sexa  a de Luís Villares senón a de Carmen, Xulio, Eva, Verónica, Nine, Iria, Manolo, Xabier, Martiño… para que volva ser da xente, para seguir camiñando con vós coa nosa xente” concluíu o candidato de En Marea á presidencia da Xunta de Galicia o acto público celebrado hoxe en Santiago de Compostela.


En Marea /