Redacción •  Galicia •  29/08/2016

Luís Villares: “Esta Marea é un país erguéndose para conquistar o seu futuro”

“Con En Marea a Xunta non será de Luís Villares senón de Carmen, Xulio, Eva, Verónica, Nine, Iria, Manolo, Xabier, Martiño… será da xente”

 

Luís Villares: “Esta Marea é un país erguéndose para conquistar o seu futuro”

“A outros gústalles moito a uniformidade, eles son uniformes e impoñen o silencio, dentro e fóra. O poder sen control é o que lles gustaría a eles. Nós nacemos para rachar con este tempo de silencio, amargo, como describira Martín Santos. Nós temos a forza da razón, a forza da ilusión, a forza do compromiso” sinalou Luís Villares.

Durante as últimas semanas,  explicou Villares, visitou moitos lugares do noso país para explicar quen era, que pensaba e que sentía pero sobre todo para escoitar, a aprender, encherse de ilusión, de sorrisos, de miradas que comparten os mesmos desexos. “Hoxe estades aquí como dignas representantes de toda esa xente, hoxe nós temos a responsabilidade de non fallar a quen confían neste proxecto, hoxe nós representamos a fundada esperanza da xente do común. Non están detrás nosa, están ao noso lado” afirmou o candidato á presidencia.

Raíces no municipalismo

Villares referiuse tamén ao proxecto de En Marea “colectivo, participado por máis de 10.000 persoas, que comezou simbolicamente cunha confluencia, a dos azos feitos palabra dos alcaldes do cambio, que empurraron deste proceso. “Observámonos na Marea Atlántica que inundou A Coruña con boas ideas da súa xente, na apertura das pedras de Compostela para observar o interior da cidade que agora si que é de todos e todas, e tamén no Ferrol construído en común coa xenerosidade da xente sen par que se uniu para procurar ese ben común” dixo Luís Villares.

O candidato lembrou tamén outros concellos que tamén impulsaron o cambio como Mondariz, Sada, a Pobra, Manzaneda, “sitios onde só chegar xa unha escoita outra harmonía, a do construído en conxunto coa cidadanía e non ás súas costas ou contra elas”.

Propostas para que ninguén quede atrás

No seu discurso o candidato fixo referencia ás propostas de En Marea que quere transformar este país e gobernar en clave de unidade nacional, sen discriminar a ninguén. “Produce vergonza ver a sinatura de convenios da Xunta, a chuvia incerta de millóns aos concellos gobernados polo PP, coma se o resto non estivese habitado por galegos e galegas. Nós non practicaremos o sectarismos. Porque para nós, todas e todos importan. Este cambio de mentalidade é transformar Galicia” comprometeuse. “Rematou o tempo das coalicións do PP coas grandes empresas e coa corrupción” afirmou.

“Queremos transformar Galicia para construír un futuro mellor que se funde na solidariedade e na xustiza social. A democracia non pode quedar reducida ao plebiscito silencioso dunha poboación á que non aprecian eses políticos que só saben irlle pedir o voto cada catro anos, sen despois querer saber nin dela nin dos males que lles producen as súas políticas” explicou Luís Villares.

No seu discurso defendeu o autogoberno e a necesidade de esgotar todas as competencias e aspirar a toda a capacidade de decisión propia, “non queremos que ninguén lle poña límites a Galicia”. “Outros teñen unha imaxe de Galicia gris, escura, subordinada a intereses persoais e económicos que en nada axudan. Viven Galicia sen vivir nin escoitar á súa xente. Non coñecen á xente deste país, non lles interesa. Teñen tan pouco agarimo por esta terra que están dispostos a vendela ao mellor poxador, sexa unha empresa de madeira, unha minería salvaxe ou explotacións nas rías que acabarían con toda a xente do mar” denunciou o candidato á presidencia de En Marea.

“Esta Marea é un país erguéndose para conquistar o seu futuro. Queremos xa un goberno honrado. Galicia, a súa xente, quere ter a súa oportunidade, quere construír o seu futuro” continuou Villares, que destacou o camiño percorrido ata agora “escoitando a Antón discutirlles no Parlamento, enchéndoo de palabras de dignidade, de rabia por ver o que facían co noso; atopámonos nas mesmas prazas con Carmen, exemplo de compromiso e xenerosidade que, sen perder o sorriso, fíxolles fronte aos tristes; asomaba tamén Ánxeles que dende a imaxinación recordábanos o importante que é soñar, e facelo con talelnto, con enerxías renovadas. Sumábase Paula dende as raíces videiras dunha terra labrada pola auga e o suor.. así nos fumos xuntando”.

“Son Luís Villares e vou ser, como diría Allende, o compañeiro presidente da Xunta de Galicia para que esa Xunta volva a ser patrimonio de todas as persoas deste país, para que a xunta non sexa a de Luís Villares senón a de Carmen, Xulio, Eva, Verónica, Nine, Iria, Manolo, Xabier, Martiño… para que volva ser da xente, para seguir camiñando con vós coa nosa xente” concluíu o candidato de En Marea á presidencia da Xunta de Galicia o acto público celebrado hoxe en Santiago de Compostela.

 


eleccións galegas /  En Marea /  Galicia /