Creative Commons •  Redacción •  Galicia •  29/09/2017

José Manuel Fernández: «O tema da auga é clave para entender os problemas que se aveciñan se non paramos o proxecto de reapertura da mina de Touro»

En datas recentes e coincidindo co período de alegacións ao proxecto de reapertura da explotación mineira por parte da empresa Cobre San Rafael, a sección local de En Marea na zona criticou o plan da mercantil, insistindo en que "non resulta verosímil" que a empresa "pretenda vender un proxecto no que non se restauran previamente os gravísimos pasivos ambientais", nunha verdadeira "fuxida cara diante" na que "para facer a remediación hai que orixinar unha devastación aínda maior".

José Manuel Fernández: «O tema da auga é clave para entender os problemas que se aveciñan se non paramos o proxecto de reapertura da mina de Touro»

Jose Manuel Fernández, voceiro da formación na localidade, fala para 3i valorando a problemática e os retos aos que se enfronta a veciñanza nos próximos meses. A protección da saúde pública e as afeccións sobre as actividades tradicionais, básicos para comprender a súa perspectiva.

P: Hai motivo para opoñerse ao Proxecto Touro?

R: Non fai falla retrotraerse ás épocas coloniais (aínda que este proxecto e os seus antecedentes nos leven aí). Este tipo de proxectos de megaminaría metálica a ceo aberto teñen causado en moitos lugares do mundo danos irreparables e irreversibles no medio natural.

P: A empresa promotora, Cobre San Rafael S.L. fala de restaurar os graves danos ambientais existentes deixados por explotacións mineiras anteriores pero sen facelo previamente á explotación. Qué pensades disto?

R: A accionista maioritaria da promotora da reapertura de Touro, Atalaya Mining, explota o xacemento de Ríotinto en Huelva e xa acumula ata 15 denuncias na Fiscalía polos seus reiterados incumplimentos das normas medioambientais. Dende En Marea Touro examinamos detidamente o proxecto mineiro e as súas medidas previstas para a rehabilización da zona máis xerounos sorpresa, pois todas elas están referenciadas ao peche da explotación para dentro duns quince anos, nada falan da desastrosa situación que actualmente temos. Ao partir dun desastre ambiental máis que evidente provocado pola anterior actividade extractiva, pouca confianza nos dan os futuribles da empresa.

P: A postura de En Marea Touro ten moito que ver coa defensa da saúde da  veciñanza da zona afectada polo plan mineiro. Pensades que o proxecto pode  xerar un problema de saúde pública ás portas da comarca de Compostela?

R: Toda a información da que dispoñemos e que chega dende distintas zonas de Andalucía como Huelva apuntan a problemas de saúde pública e un perigo evidente para a poboación. Por iso, vimos de concertar esta mesma semana unha cita con representantes do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) a fin de comprobar a evolución epidemiolóxica derivada da actividade mineira anterior, en definitiva cales son as causas de enfermidades e mortalidade na zona. De igual xeito estamos a ter contactos coa xente que traballou na antiga explotación.

P: En canto ás actividades tradicionais, cómo valorades a afección do  proxecto sobre as actividades tradicionais como a agricultura ou a gandeiría?

R: En parroquias como Bama concorren explotacións gandeiras de envergadura. Por iso, cómpre falar con gandeiros e queixeiros a fin de que presionen o concello para que se informe sobre o estado das augas subterráneas, pois isto conleva un risco evidente porque o consumo de recursos hídricos neste sector é moi elevado e a súa calidade ten que estar garantida. Hai que tomar razón de que o tema da auga é clave para entender os problemas que se aveciñan se non paramos o proxecto de reapertura da mina de Touro.

P: Cal será o futuro da bisbarra si este proxecto megamineiro chega a sair  adiante?

R: Pois moi complicado. Aínda máis que agora. A xente que compoñemos en Marea Touro somos conscientes de que nos enfrontamos a multinacionais sen escrúpulos e con gabinetes técnicos e políticos que lles fan o traballo de cambiar as leis para facilitarlles esta sorte de «catastrazo» mineiro, máis hai que deixar patente que non somos parvos nin inxenuos. A nosa terra é o que está en xogo e por iso loitaremos con todos os nosos medios pola paralización deste proxecto dañino e irracional dende calquera punto de vista.

 


minería /