Redacción •  Galicia •  30/05/2017

Esquerda Unida esixe a recuperación do 112 como servizo público e reitera o seu apoio á folga indefinida do persoal

As traballadoras e traballadores do 112 xa levan máis de 40 días en pé de folga. E motivos non lles falta. O que comezou o pasado 15 de abril con protestas motivadas polo traslado forzoso do seu posto de traballo á Estrada, a uns 30 quilómetros de Santiago de Compostela, que segue sen un acordo entre o persoal e a administración, súmanse agora os problemas derivados do cambio forzado e improvisado do sistema de xestión de chamadas das emerxencias en Galicia 112. 

Esquerda Unida esixe a recuperación do 112 como servizo público e reitera o seu apoio á folga indefinida do persoal

Respecto ao novo sistema de xestión de chamadas da plataforma do 112, o persoal denunciou, nada máis comezar a usalo, problemas graves tales como que se quedaba colgada na entrada das chamadas, o que condiciona a seguridade do servizo para a cidadanía.

Por desgraza, todos estes erros, víronse confirmados nestes días con terribles sucesos como os incendios ou o afundimento do pesqueiro Nuevo Marcos, no que, segundo transmitiron a Asemblea de Traballadoras e Traballadores do 112-Galiza, a Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias Sanitarias, a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, a Mesa Intersindical de Bombeiros e a Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia, a falta dun mapa actualizado de recursos para mobilizar, así como o colapso da plataforma 112, supuxeron que á hora de mobilizar o helicóptero de rescate Pesca-I, a plataforma bloqueara a chamada de alerta, retrasando arredor de dez minutos a saída.

Vilagarcía, Cesuras (A Coruña), Pontecesuras (Pontevedra) e Monforte (Lugo) foron os lugares onde estes días os bombeiros foron incapaces de chegar antes pola imposibilidade de contactar co 112. Ademais destes problemas técnicos, para Esquerda Unida, a privatización do propio servizo 112 é un exemplo máis dunhas políticas do PP que antepoñen o lucro aos intereses das persoas e, neste caso, xogan coa vida da xente.

Segundo explica Eva Solla, “cando unha persoa chama ao 112, quen lle atende non é un empregado público. É unha traballadora ou traballador de telemárketing contratado pola empresa Telemarkt, á que a Xunta de Galicia adxudicou este servizo, que se presta 24 horas ao día durante 365 días ao ano. Este persoal está aí para salvar vidas, non para vender produtos. Doutra banda, os salarios que perciben están asimilados ao convenio de telemárketing e son precarios”.

Dende Esquerda Unida denunciamos esta situación aberrante, xa que, por un lado, as persoas que traballan na Plataforma do 112 non recibiron a suficiente formación e, doutra banda, dende a empresa subcontratada sofren salarios de miseria, así como situacións de ansiedade e estrés que están a denunciar. É por iso que esiximos a recuperación do 112 como servizo público, con persoas con formación concreta en emerxencias ao fronte.

Ademais, dende Esquerda Unida, reiteramos o noso apoio ao persoal do 112 e a súa folga indefinida motivada por esta deslocalización, o que leva consigo máis custos derivados dos desprazamentos para as traballadoras e traballadores, a perda do seu poder adquisitivo, o estrés que están a padecer e a falta de conciliación derivada desta nefasta situación.


Esquerda Unida /