Eva Solla: “A Xunta está a ser cómplice da impunidade nos casos relacionados coa Carioca”
Esquerda Unida insta de novo ao Concello de Lugo e a Xunta de Galicia a presentarse como acusación no ‘Caso Carioca’ no marco do Día Internacional Contra a Trata de Persoas. Hoxe acudiremos ao rexistro para exixir á Xunta que se persone como acusación.
Compostela, 30 de xullo de 2019. Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, e Raquel Bernárdez, coordinadora da área da Muller de Esquerda Unida, veñen de ofrecer unha rolda de prensa para esixir a implicación da Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para presentarse como acusación no marco do Día Mundial contra a Trata de Personas.
A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, reiterou que o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia non poden permanecer impasibles ante a indefensión das vítimas de trata e deben presentarse como acusación. “Hoxe 30 de xullo se conmemora un ano máis o Día Internacional Contra a Trata de Persoas, polo que temos que lembrar que a Xunta está a ser cómplice da impunidade nos casos relacionados coa Carioca e, se non se actúa, decenas de mulleres quedarán en vulnerabilidade en casos terribles, incluíndo a prostitución de menores”.
“A semana pasada o Tribunal Supremo pronunciábase nunha sentenza en relación a diversos casos de prostitución de Vigo, A Coruña e Córdoba tratando a situación de prostitución como un delito, que está ás portas das nosas vilas, e como a escravitude do século XXI. Ante isto, non entendemos como a Xunta é capaz de mirar para outro lado”, apunta Eva Solla.
Neste senso, recalcou a súa actitude hipócrita, e esixiu, “en base ao artigo 30 da Lei Galega 11/2007 contra a violencia de xénero, que se persone como acusación nesta causa e impedindo que prescriban os presuntos delitos, que son moi graves, como abusos sexuais, prostitución coactiva e lucrativa, indución a prostitución de menores, concertación de matrimonios de conveniencia…”, dixo.
Dende Esquerda Unida instamos de novo ao Concello de Lugo e a Xunta de Galicia a que exerzan as súas responsabilidades como administracións públicas e se personen como acusación, por iso, hoxe acudiremos ao rexistro para facer constar unha solicitude formal. “Non entendemos porque non se actúa, probablemente por que estes casos teñen relación con outros casos de corrupción que están a ser estudados por unha xuíza que está a ser perseguida”, reiterou Solla.
Raquel Bernárdez, coordinadora da área de Muller de Esquerda Unida, lembrou que se conmemora o Día Internacional Contra a Trata de Persoas, “un dos delitos máis aberrantes contra o ser humano, con numerosos propósitos entre os que destacan a explotación sexual como principal fin”.
“No mundo, máis de 40 millóns de persoas son vítimas de explotación sexual, das cales o 72% son mulleres e nenas que proceden dos grupos máis vulnerables da sociedade, especialmente mulleres migrantes en situación administrativa irregular. En Galicia, por exemplo, representan o 90% dos casos detectados”, dixo.
Segundo explicou Bernárdez “aínda que non se dispoñan de datos exactos polo propio entorno de delincuencia organizada no que se desenvolve a prostitución, España aparece como un dos principais destinos de mulleres e nenas vítimas de trata cun moi preocupante incremento de homes prostituídores cada vez máis novos que se sitúan entorno aos 20 anos”.
“Os datos poden parecer lonxanos, pero hai unha realidade que debemos ter presente: o carón das nosas casas temos “Clubes” sostidos por proxenetas e homes prostituídores. Temos en Galicia a maior causa xudicial contra o proxenetismo en España coa Operación Carioca en Lugo, na que a Fiscalía non contemplou delito na prostitución dunha menor porque falsificou o seu DNI cun `bolígrafo Bic’, entre outros presuntos delitos como abusos sexuais, prostitución coactiva e lucrativa, trata de seres humanos con fins de explotación sexual e con débeda, omisión do deber de perseguir delitos, concertación de matrimonio de conveniencia, entre outros. Todo elo sostido por 370 testemuñas que non fan máis que poñer sobre a mesa que a prostitución vulnera os dereitos humanos, o dereito que temos as persoas de non ser abusadas nin utilizadas sexualmente, nin de forma gratuíta nin a cambio dunha compensación económica”, dixo.
Por todo isto, dende Esquerda Unida ratificamos a noso posicionamento a favor das teses abolicionistas defendidas polo movemento feminista, que sitúa a prostitución como unha forma de violencia machista extrema.