Sermos Galiza •  Galicia •  30/10/2017

Atacan o monumento que lembra en Volta da Moura os veciños asasinados polo franquismo

O monumento de Volta da Moura, Tui, en memoria dos veciños asasinados en xullo de 1936 polos fascistas apareceu con importantes danos, no que todo apunta a que é un ataque vandálico. Denúnciao Galiza Nova do Baixo Miño nas redes sociais, onde puxo unha fotografía do actual estado monumento, no que se ve a placa esnaquizada e como tiraron pintura verde sobre o nome das vítimas.

Atacan o monumento que lembra en Volta da Moura os veciños asasinados polo franquismo

O monumento é obra do artista Marcos Escudero, e nel lémbrase e homenaxéase Víctor Valverde Mayo, José Juan Teijeira Coto, Saturnino Álvarez Sotelino. Nemesio Álvarez, Ramón Vázquez Martínez, José Fernández Miniño, Antonio González Pazos, Arturo Saloña Muro e Joaquín Alonso Granados, todos eles asasinados logo de ser sacados pola forza das súas casas e levados ata a ‘Volta da Moura’ en dúas quendas.

O monumento está perto da oliveira na que cada 14 de abril, Día da II República española, por iniciativa da ‘Asociación Levada Libre’, de Tui, faise unha homenaxe ás persoas que asasinadas polos fascistas.

Xunto aos nomes destes nove veciños do Porriño, noutra das caras do monumento, estarán esculpidos os das súas mulleres e compañeiras, Asunción, Carmiña, Emilia, Manuela, Carmen, Consolación de la Asunción e Elvira, que como se indicará na mesma pedra, “a pesar da dor infinda, preservaron , con orgullo e dignidade todo o lume que portaban os seus ollos e agromara e florecera”.


agresiones fascistas /  Dictadura Franquista /