En Marea denuncia o rodillo de PP e PSOE e reclama rigor para que o acontecido no Marisquiño non se repita
En Marea insta a traballar con seriedade e rigor para que a comisión que investigará no Parlamento o acontecido na última edición do Marisquiño sirva para garantir a protección da cidadanía e non se convirta en instrumento dos intereses electoralistas de PP e PSOE. Así o indica a vicevoceira do grupo parlamentario, Carmen Santos; que este martes se trasladou ata Vigo para reunirse coa Plataforma de Afectados do accidente, xunto ao voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez, e o edil Xosé Lois Jácome.
“Falamos dunha cuestión moi seria, pois non se trata de algo que afecte unicamente aos vigueses e viguesas”, indica a vicevoceira do grupo parlamentario de En Marea, que destaca a necesidade de realizar unha análise exhaustiva do acontecido, así como do marco lexislativo aplicable, para que algo similar non volva acontecer no futuro en ningún espectáculo.
Á espera de coñecer os resultados da investigación para poder falar de responsabilidades, En Marea denuncia a intolerable actitude con que PSOE e PP están a enfrontar o acontecido, “centrados en ataques e en facer electoralismo en lugar de asumir responsabilidades” e esclarecer feitos. “ Queremos ter toda a información para poder poñer solucións ás deficiencias sobre o que aconteceu en Vigo, e podería ter acontecido noutro espectáculo ou evento de Galicia”, indica a vicevoceira do grupo parlamentario de En Marea.
Nesa liña, Carmen Santos denuncia a “práctica antidemocrática e perniciosa” que supón que PP e PSOE empreguen as súas respectivas maiorías “para pasar o rodillo ás iniciativas de interese para a cidadanía”. Un exemplo do nulo interese que ambas formacións teñen na defensa do interese xeral, tal e como demostra que ambas “defensan unha cousa no Concello e outra no Parlamento”.
“Esta ten que ser unha comisión que defenda os intereses da maioría da cidadanía. Non para as maiorías absolutas do PP nin de Abel Cabellero. É necesario saber a verdade, e ter toda a información para poder efectuar unha valoración política axeitada. Non permitilo é unha anomalía inaceptable”, denuncia a vicevoceira de En Marea, que lamenta os vetos que ambas formacións xa están a impoñer no deseño do plan de traballo da comisión de investigación parlamentaria. “Vétase ao voceiro da Marea de Vigo, pero curiosamente a voceira do PP no Concello si está no Plan de Traballo da Comisión de Investigación. É vergoñento”, conclúe Carmen Santos. Que tamén destaca o bloqueo da comparecencia da Asociación de Vítimas que solicitara En Marea.
O grupo municipal da Marea de Vigo tamén fixo certas aportacións cara á Comisión de Investigación do accidente do Marisquiño, tales como solicitudes para comparecencias ou sobre documentación que considera debería ser aportada e valorada nesa Comisión.
“As comisións de investigación deben ser espazos de traballo onde dirimir responsabilidades e traballar para poñer as medidas necesarias para poder evitar ao máximo accidentes coma o do Marisquiño. Non deben ser utilizadas como armas políticas”, destaca Rubén Pérez.