A área de Educación de Esquerda Unida inicia a campaña «Matricúlate na Pública”
“Trátase dunha campaña enfocada en positivo, na que reivindicamos poñer en valor medidas como a matriculación na educación pública, a derrogación da LOMCE ou a substitución desta por unha lei froito do debate coa comunidade educativa ”, explica o coordinador da área de Educación de Esquerda Unida, Roi Rodríguez Cagiao.
Coincidindo co inicio do prazo de reserva de praza para os institutos de Educación Secundaria do alumnado actualmente matriculado en sexto de primaria (do 1 ao 15 de febreiro), a área de Educación de Esquerda Unida inicia hoxe martes unha campaña informativa de reparto de materiais impresos ao longo da xeografía galega na que anima á cidadanía a solicitar praza dentro da rede de centros públicos da comunidade.
Segundo explica o coordinador da área de Educación, Roi Rodríguez Cagiao, “trátase dunha campaña en enfocada en positivo, na que reivindicamos a matriculación na educación pública coma un acto consciente de posta en valor deste servizo fundamental. Ser usuario do ensino público é o xeito máis elemental, sinxelo e sincero de defendelo”.
Fronte a un goberno autonómico empeñado no desmantelamento do ensino público e a promoción do sector privado, “a área de Educación de Esquerda Unida reivindica a educación pública como a única capaz de garantir a gratuidade, a cohesión social, a compensación da desigualdade social, a promoción e normalización da lingua galega ou a laicidade educativa”, sinala Rodríguez.
Neste senso, dende Esquerda Unida poñemos en valor, de cara ás familias galegas, a calidade da rede de centros públicos galegos, na que (pese ás políticas de recortes dos últimos anos dos gobernos Feijóo) os cadros de persoal, a preparación dos profesionais e a dotación material e de infraestruturas segue sendo superior ao da rede privada-concertada. “A maiores, todos os estudos sinalan que o custo por curso de estudo na privada e privada-concertada supón un desembolso moi superior á media do gasto na pública en concepto como material e libros escolares, transporte, saídas, actividades; un auténtico co-pago educativo”, sinala o coordinador da área.
Por último, esta campaña tamén pretende dar visibilidade ás propostas de Esquerda Unida en materia educativa, tales como: a derrogación da LOMCE, a substitución desta por unha lei froito do debate coa comunidade educativa, a reversión dos recortes que se levan producido dende o 2008, o incremento da porcentaxe do PIB a investir en educación, a gratuidade dos servizos educativos complementarios (transporte e comedor) e a moratoria e supresión progresiva da financiación pública do ensino privado para acadar unha rede pública única de centros educativos de xestión directa.