Esquerda Unida leva a Bruxelas os problemas da sanidade pública e a censura por parte do Goberno da liberdade de expresión dos profesionais
“A medida de controlar a liberdade de expresión do persoal, en plena protesta da situación da sanidade pública, evidencia que o PP ten medio a perder as eleccións”, di Solla.
Compostela, 31 de xaneiro de 2020. Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, vén de presentar en rolda de prensa as accións que Esquerda Unida levará a cabo ante os constantes recortes en sanidade por parte de Núñez Feijóo, que se trasladarán na xornada organizada polo grupo da Izquierda Unitaria Europea/Izquierda Verde Nórdica (GUE/NGL) o 6 de febreiro no Parlamento Europeo, co título ‘La sanidad en peligro: su defensa desde la perspectiva de las/os trabajadores’. Doutra banda, Esquerda Unida sumarase á mobilización deste 9 de febreiro en Compostela, impulsada por SOS Sanidade Pública, contra os recortes en persoal e o desmantelamento continuo da sanidade.
Ademais de lembrar a situación da sanidade pública no noso país, “no momento no que a Xunta ten que recuar ante medidas como o peche do paritorio de Verín, ou aclarar medidas desafortunadas, como “esa especie de ‘pin parental’, que é o consentimento reforzado para as nais que van dar a luz no Hospital de Verín”, agora “temos que lamentar unha penosa decisión do Goberno da Consellería de Sanidade de exercer de censor dos traballadores e das traballadoras”, sinalou Eva Solla.
“Esa medida de controlar a liberdade de expresión do persoal, en plena protesta da situación da sanidade pública é unha mala nova que só cercea dereitos. Semella imposible no século XXI que o PP e a dereita pretendan restrinxir a liberdade de expresión dos traballadores, evitando que se poidan pronunciar nos recortes constantes, o que evidencia que o PP ten medio a perder as eleccións pola situación na que está a sanidade pública”, apuntou Solla.
Por esta situación de perda de dereitos constantes que atravesa a nosa sanidade, dende Esquerda Unida mostramos todo o noso apoio sumámonos á mobilización impulsada por SOS Sanidade Pública, que terá lugar o 9 de febreiro en Compostela.
Participación nas Xornadas de Bruxelas
Ante esta situación da sanidade, Eva Solla participará na vindeira semana nas xornadas Europeas que levan o título ‘La Sanidad en Peligro, su defensa desde la Perspectiva de los/as Trabadores/as’, ás que levará os principais problemas da sanidade galega e “nas que haberá intervencións moi interesantes en relación á loita dos traballadores por unha sanidade de calidade, coa participación de persoas de toda Europa”, completou Solla.
Solla sinalou que o “persoal sanitario está sometido a unha grande presión polos recortes en moitos lugares, e Galicia non é allea a esta”. A participación de Esquerda Unida nas xornadas será unha oportunidade para “trasladar temas importantes como os recortes constantes en dereitos sanitarios no rural, a situación da precariedade laboral que viven as e os traballadores e as accións dun Goberno Galego que agora tamén vulnera o dereito da liberdade de opinión”. Por último, Esquerda Unida levará as conclusións destas xornadas ao programa que estamos a elaborar de cara ás Eleccións Autonómicas 2020 “e tamén as trasladaremos en iniciativas”.