En Marea •  Redacción •  Galicia •  31/07/2016

En Marea solicitará ao Goberno central a recuperación do litoral na Pobra do Caramiñal

A deputada Yolanda Díaz reuniuse co alcalde para coñecer a situación de abandono no que se atopan as zonas dependentes do Ministerio.

En Marea solicitará ao Goberno central  a recuperación do litoral na Pobra do Caramiñal

Unha das principais actuacións previstas é abordar a segunda fase de rexeneración das Xunqueiras, toda vez que a primeira vén de rematarse nas últimas semanas. Nesta zona existen unhas naves protexidas,  que non poden ser derrubadas, así que desde o Concello solicítase un proxecto e unha partida orzamentaria para rehabilitar a zona e darlle un uso para o disfrute das veciñas e dos veciños, zona que na actualidade se está deteriorando polo abandono que sofre.

Desde o Concello estase levando a cabo un proxecto participativo no que están a colaborar persoas vencelladas ao sector turístico, ao histórico e ao medioambiental para plantexar ao Goberno central a opición máis favorable para a localidade.

Yolanda Díaz trasladará ao Congreso dos Deputados a necesidade desta obra, importante para a rexeneración da zona e para a recuperación  do borde do litoral da Ribeiriña, e presentará, nos vindeiros días, as preguntas e iniciativas precisas para coñecer e informar das previsións que o Goberno en funcións ten sobre esta actuación.

A deputada de En Marea, que visitou as Xunqueiras acompañada por varios membros da Corporación Municipal, tamén estivo na zona coñecida por “explanada da “Onza de Oro”, outra área que depende do Goberno central e que nestes intres se atopa en situación de total abandono, incluso con zonas tan deterioradas que supoñen un perigo para a poboación. Yolanda Díaz sinalou na rolda de prensa que “En Marea presentará unha enmenda parcial á Lei de Presupostos do Goberno central para que, a corto prazo, se poidan fraguar os dous proxectos, tanto a rexeneración das Xunqueiras como a da zona onde estaban instaladas as fábricas de conservas”.

Debido ao mal estado da zona da explanada da “Onza de Oro”, Yolanda Díaz destacou tamén que é urxente unha actuación parcial que evite o perigo da zona para a poboación, así que En Marea presentará no Congreso unha iniciativa para instar ao Goberno central a que busque solucións ao respecto a corto plazo.

A visita de Yolanda Díaz á Pobra do Caramiñal enmárcase dentro do  traballo parlamentario que En Marea está a facer na XII Lexislatura,  coñecendo in situ as necesidades e deficiencias que teñen as nosas localidades, e que deben solucionarse desde o Goberno central, a onde se lles dará traslado, tanto para o seu coñecemento como para a súa solución.


En Marea /