Ernesto Ilkermn •  Cultura •  08/12/2016

“Castro: Misión Rescate”. Na procura dun castro documentado sen excavar

É un castro dunhas 2,6 hectáreas, que se atopa a 100 metros de altitude, na cima e na ladeira do monte coñecido como “Monte do Castro”. Conta con terrapléns de defensa no recinto central. No sitio onde se atopa apareceron numerosos materiais cerámicos, fragmentos de ánforas, tégulas e cerámica común romana. Trataríase polo tanto dun castro que dataría da Idade do Ferro e posteriormente romanizado. 
 
 
“Castro: Misión Rescate”. Na procura dun castro documentado sen excavar
O 6 de decembro, na sé da S.V.C.D. Nautilius, tivo lugar a presentación de «Castro: Misión Rescate», un proxecto escénico, audiovisual, e fotográfico sobre a intervención arqueolóxica realizada no Castro de San Andrés de Comesaña por nenos e nenas da parroquia comandados polo párroco da época «Don Ramón» no inicio dos anos 70. O proxecto Misión Rescate nace ligado a Festa Castrexa que dende hai uns anos se ven realizando na vila como forma de recuperar e valorizar a memoria e reclamar a protección do Castro de San Andrés de Comesaña. Elisa, presidenta da Nautilius, foi a encargada de presentar o documental de Isma Ferradás, producido por Fran Núñez, no que se documenta de xeito gráfico o Castro de San Andrés de Comesaña que inda está por excavar. As fotos expostas na cafetería da asociación, nas que se recollen as visitas que con Don Ramón facían ao castro os entón nenas e nenos -entre elas Elisa e varias veciñas máis presentes no acto-, serven para reivindicar algo que é historia: a dun castro de Vigo que as institucións públicas teñen no olvido.
 
Tamén se proxectaron as fotos e un pequeno video de Ernesto Ilkermn da III Festa Castrexa que fixeron a principios de outono os e as veciñas do barrio vigués na que, o sábado día 1 de outono, ao carón da casa da asociación rememoraron a vida castrexa, coas casiñas cubertas de xestas e palla, os teitos daqueles tempos. Dende alí subiron á cima do castro entre os camiños do pobo, as leiras e escaleiras, as fontes e pilóns, os regatos da auga e os regos do arado, nun longo percorrido no que se recreaban escenas propias da vida galega: lavandeiras e lavandeiros, espantallos, gaiteiros, mociñas, e tamén algún que outro celta no medio do monte. A paisaxe, cas árbores, cas Cíes dende o cumio, e ca noite que caeu cando o sol se foi, deulle ese carácter tan galego, como o da xente que, herdeira dos ancestros que alá viviron séculos hai, mantén as vellas costumes de ano en ano.  A aparición do castro fora narrada proxectada sobre as pedras enriba do coro que, no solpor, combinaba a historia ca maxia da luz que ía cambiando de cor. Con luceiriños fixéronse as pedras que no seu día foron o fogar dos celtas, e pediron que se recupere o Castro de San Andrés de Comesaña, patrimonio histórico da cidade de Vigo, que a día de hoxe carece de escavacións arqueolóxicas. A festa continuaría logo da baixada, acompañada polos gaiteiros e tamborileiros, ca actuación de grupos de música galega, ben regada pola queimada que, conxurada, foi repartida entre os e as veciñas. Na festa castrexa non faltaba de nada: boa bebida e comida, con tenderetes de artigos que poderían ser daquela época na que a pel dos animais servía para ataviarse e lucir: colgantes, carteiras, bolsos… Inda que o concelleiro de Seguridade, Movilidade e Xestión Municipal, López Font, apareceu uns intres por alí, a máxima autoridade foi Elisa, presidenta da S.V.C.D Nautilius, guiando o percorrido e presentando as diferentes actuacións, cerrando a xornada o Coro Fuscalheiro de A Guarda, xa ben entrada a noite.
 
 
 
 

Galicia /  historia /  patrimonio /