A FCM-CIG pon en marcha unha campaña pola mellora das condicións laborais no sector da lousa na comarca de Valdeorras
- A central está a levar a cabo repartos informativos nas empresas e asembleas sobre o último convenio asinado pola patronal e a UGT.

A Federación de Construción e Madeira (FCM) da CIG vén de poñer en marcha unha campaña pola mellora das condicións laborais no sector da lousa na comarca de Valdeorras que inclúe repartos informativos nas empresas e asembleas para analizar o contido do último convenio colectivo, asinado pola patronal e a UGT.
Ademais, todos os luns a partir do 24 de marzo a FCM-CIG atenderá o persoal do sector no local sindical do Barco para que poida trasladar as súas dúbidas e ofrecerlle asesoramento ante calquera problemática laboral.
A primeira acción no marco desta campaña tivo lugar o pasado mércores 19 e consistiu nun reparto en Sobradelo de panfletos informativos sobre o convenio, no que tamén se chamaba a asistir á asemblea que se celebrou este mércores no Concello do Barco. No encontro participaron o secretario nacional da FCM-CIG, Plácido Valencia, e a secretaria comarcal da FCM-CIG de Ourense, Melanie Arias, e debateuse sobre o acontecido na negociación do convenio.
Un convenio asinado o pasado 2 de agosto pola patronal e a UGT e no que a CIG apenas ten representación. “Rexeitamos o acordo porque non inclúe cláusula de revisión salarial en función do IPC; non ten carácter retroactivo, co que se perden os atrasos desde xaneiro; non se garante o 100% do salario en caso de accidente laboral e enfermidade profesional desde o primeiro día; introduce un recorte respecto do pactado nas baixas por IT; e mesmo aplica recortes nos desprazamentos por morte dun familiar”, enumeran dende a central sindical.
Outra das cuestións que levaron a CIG a rexeitar o convenio é que o incremento salarial non se aplica desde xaneiro, “perdendo como mínimo o incremento da metade do ano; polo que podemos dicir que o incremento real de 2024 é da metade do que acordaron para este ano”.
Perda de dereitos
Ao mesmo tempo, dende a central sindical censuran o feito de que as condicións do persoal do sector foron empeorando en cada negociación de convenio coa complicidade de UGT. “Como por exemplo nas baixas por enfermidade común, xa que o anterior convenio estipulaba que se percibiría, a conta da empresa, o 90% do total do salario a partir do día 28. Porén, agora será a partir do día 121”. E en caso de enfermidade profesional, tampouco se percibirá o 100% tal e como propuxo a CIG, quedando no 90%.
Neste senso, lamentan que as condicións laborais no sector da lousa seguen a ser precarias a pesar dalgunhas medidas que se foron implantando a través de reformas lexislativas e non na negociación do convenio. “É fundamental garantir un ambiente de traballo seguro e saudábel para todas as persoas traballadoras, e isto non se está a lograr de maneira efectiva”.
En canto aos salarios, os establecidos no convenio son insuficientes para cubrir as necesidades básicas das persoas traballadoras. A CIG esixe un aumento salarial que reflicta o verdadeiro valor do traballo e que permita vivir dignamente en Galiza, coa aplicación de cláusulas de revisión salarial que evitaría a perda sufrida no convenio anterior, que foi do 10,65%.
En consecuencia, a central sindical defende que o convenio da lousa ten que ser revisado e mellorado para garantir que realmente protexa os dereitos e intereses da clase traballadora. “Estamos comprometidos a loitar por un convenio que sexa xusto, equitativo e que garanta as mellores condicións para o persoal do sector; pero para que iso sexa posíbel precisamos que as persoas traballadoras do sector se organicen a través da CIG, tendo especial importancia os procesos de eleccións sindicais que son os que dan a representatividade na mesa de negociación do convenio”.
Por todo isto decidiu poñer en marcha esta campaña, que terá continuidade nas vindeiras semanas con novos repartos informativos nas empresas e máis asembleas.