Redacción •  Galicia •  01/05/2022

CCOO e UGT chaman a mobilizarse o Primeiro de Maio para que a clase obreira «non pague os pratos rotos» desta crise

  • O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) e UGT-Galicia chaman a mobilizarse o Primeiro de Maio para que a clase obreira «non pague os pratos rotos» desta crise. Así o expresou a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, quen presentou os actos e reivindicacións conxuntas do Día Internacional do Traballo canda ao seu homólogo da UGT, José Antonio Gómez. Ambos os sindicatos mobilizaranse conxuntamente en sete localidades galegas e, a maiores, Comisións manifestarase noutras dúas.

CCOO e UGT chaman a mobilizarse o Primeiro de Maio para que a clase obreira «non pague os pratos rotos» desta crise

Este Primeiro de Maio terá lugar nun contexto especialmente adverso como consecuencia da guerra de Ucraína, os disparatados prezos da electricidade e dos combustibles e a inflación descontrolada. Baixo o lema «A solución: subir salarios, conter prezos, máis igualdade», CCOO e UGT esixen que os poderes públicos tomen medidas para conter os prezos e evitar a perda de poder adquisitivo.

Segundo Amelia Pérez, «reivindicamos que o centro das políticas deste país siga sendo o factor traballo, porque é o verdadeiro elemento transformador da sociedade». Neste sentido, as políticas que se adoptan na materia «son o que ao final mellora a vida das persoas», apuntou a dirixente sindical.

A secretaria xeral de CCOO defendeu a importancia de subir os salarios, debate que ten lugar cunha guerra en Ucraína e cun aumento aínda maior da inflación, que xa viña subindo nos últimos meses. «Estase falando dun pacto de rendas, que ten que ser como asumamos entre todos e todas, e non só a clase obreira, o custo da crise que se está producindo», advertiu.

Tamén apelou a conter os prezos, situación que non prexudica só as persoas máis vulnerables, senón tamén as familias que traballan «e que aínda así non chegan a final de mes como consecuencia do aumento da inflación e calquera imprevisto lle rompe as costuras á economía doméstica», puntualizou a sindicalista.

Finalmente, reclamou máis igualdade, «porque iso significa máis xustiza social». Neste sentido apelou a aproveitar os plans de igualdade e as novas normas en materia de igualdade que se aprobaron nos últimos anos para reducir os desequilibrios que se rexistran nas empresas.

Galicia non pode pagar a interinidade na Xunta

A secretaria xeral de CCOO envioulle unha mensaxe ao Partido Popular e á Xunta, advertíndolles aos seus dirixentes que «Galicia non pode pagar as consecuencias desta longa interinidade». A situación actual «esixe tomar medidas e as familias non poden agardar aos tempos dos partidos políticos. A Xunta ten que traballar xa», afirmou Pérez.

Apoio aos pobos ucraíno e saharauí

A secretaria xeral de CCOO reiterou o apoio dos sindicatos de clase ao pobo ucraíno, rexeitando tanto a invasión rusa como a represión por parte do Goberno de Putin contra os manifestantes que piden a paz; tamén ao pobo saharauí, criticando o cambio de postura do Goberno de España, «que non compartimos».

Por último, Pérez amosou a súa preocupación polo avance da extrema dereita no Estado español e en Europa: «Estase banalizando e normalizando de xeito alarmante», e puxo como exemplo a recente entrada de Vox no Goberno autonómico de Castela e León.


1 de Mayo /  Sindicalismo /