Néstor Rego defenderá a aprobación da Tarifa Eléctrica Galega cun grupo galego forte no Congreso
- O portavoz no Congreso e cabeza de lista do BNG para as eleccións do 23X, Néstor Rego, presentou nas Pontes as propostas en materia de xestión de enerxía eléctrica e asegurou que un grupo forte nacionalista pode ser clave para a aprobación dunha tarifa eléctrica galega.
- Rego defendeu un concurso de transición enerxética nas Pontes e un modelo racional de xeración de enerxía que poña fin ao espolio eólico.
O candidato do BNG pola Coruña nas eleccións do 23X escolleu o concello das Pontes para presentar distintas propostas sobre o modelo enerxético que defendeu xa no Congreso mais que ten a certeza que, na próxima lexislatura, poderán conseguirse cun grupo galego forte en Madrid.
En primeiro lugar, Néstor Rego insistiu en que a tarifa eléctrica galega é unha cuestión de xustiza para o noso país, máis aínda nun momento de crise social e económica, crise de prezos provocada, entre outras cousas, pola suba do prezo da electricidade. «Precisamos unha nova regulación para que a enerxía fique baixo control público para poñela ao servizo do noso país que reduza nun terzo a tarifa que pagan as familias e as empresas que, desta maneira, serán moito máis competitiva», apuntou na súa intervención pública nas Pontes.
O portavoz no Congreso lembrou que o BNG reclamou a tarifa eléctrica galega porque, ao seu ver,é necesaria nun país excedentario que leva décadas pagando as consecuencias ambientais e sociais e é «xusto tamén que se beneficie desta condición cunha tarifa propia». Apuntou tamén que non só é unha reclamación do BNG senón que, tamén o presidente de Aragón, Javier Lambán, reclamou unha tarifa propia «e Pedro Sánchez respondeu que lle parecía razoábel, e nós dicímoslle que máis será para Galiza».
Concurso de transición xusta
Por todo isto, o candidato nacionalista comprométese a «insistir no Congreso con esta proposta e farémolo con máis capacidade, cun grupo galego que defenda os intereses de Galiza e leve á práctica a posibilidade de que o noso país teña unha tarifa máis barata que beneficie á poboación e ao sector económico».
Ademais, Néstor Rego presentou a súa aposta por un modelo de xeración de enerxía máis racional, co fin de poñer fin ao espolio eólico, minimizando o impacto en función das necesidades do noso país. «Traballaremos para que a transición ecolóxica e enerxética se faga con xustiza social», apuntou, para o que defendeu un concurso de transición xusta para as Pontes, que está a sufrir s consecuencias do peche da central térmica. «Precisamos un concurso de transición xusta, como o que se fixo en Andorra que supuxo a implantación de novas actividades con investimento millonario e a creación de novos postos de traballo. Iso é o que reclamamos para As Pontes», afirmou Rego.
Estes tres eixos do modelo enerxético do BNG poderán ser realidade, segundo defendeu o candidato nacionalista, cun «grupo forte que non só continúe a ser a voz de Galiza senón que poda condicionar as maiorías, que teña capacidade decisiva».