A oposición aos eólicos en Calvos de Randín colle músculo
Un cento de persoas, entre veciñas e veciños da Limia e activistas da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, subiron esta mañá até A Aguioncha para defender as montañas contra a invasión eólica.
Desde a mesma vella escola que hai uns meses serviu para unha presentación a cargo da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova e do Sindicato Labrego Galego para advertir dos perigos que se lle viñan enriba á aldea de Feás co proxecto de polígono eólico Lamas de Feás, coas máquinas apenas a 1 quilómetro de Feás, partiu esta mañá, pouco despois das 9:30 horas a I MARCHA EN DEFENSA DA AGUIONCHA.
A camiñada mobilizou un cento de persoas, a maioría veciñas e veciños de Feás e outros núcleos de Calvos de Randín, o concello máis afectado polo proxecto, que tamén colle territorio dos Blancos e de Baltar. Acudiron ademais membros da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova desde Bande, Verea e Celanova, principalmente, e outros concellos ourensáns. Malia a calor, forte desde primeira hora, os primeiros camiñantes chegaron á Aguioncha contra as dez e media, e moitos decidiron subir até o alto dos penedos, desde onde se divisan os polígonos do Larouco, Cabeço Alto (en solo portugués pero lindeiros co Parque Natural do Xurés) e os do Vieiro.
A veciñanza, apoiada polo plataforma, rexeita un proxecto de polígono eólico (P.E. Lamas de Feás) de 7 aeroxeradores de 200 metros de altura e que poderían afectar severamente a mananciais, solos e patrimonio, ademais das afeccións á flora e á fauna. Contra este proxecto rexistráronse 1.500 alegacións na primeira fase de exposición, que rematou en xuño, o que obrigou á promotora, Greenalia, a se presentar nunha asemblea veciñal na Casa da Cultura a finais de maio.
Os técnicos de Greenalia, acompañados polo alcalde de Calvos, Aquilino Valencia (PSOE), un avogado, Alfonso Grande, e un asesor de comunidades de montes, Alfonso Braña, non conseguiron despexar as dúbidas que expuxeron os veciños (como que vai pasar cos mananciais, como afectarán os movementos de terra as vivendas ou se se escoitarán ou non os aeroxeradores a menos de 2 quilómetros de varias aldeas).
Despois daquela charla en Feás houbo outra en Padroso. E outras aldeas, como Lobás, Pintás ou Silvoso foron mudando a súa opinión cara unha oposición directa ao proxecto. O alcalde, non. Aquilino Valencia dixo que estaría coa maioría e que o Concello de Calvos elaboraría alegacións tanto ao P.E. Lamas de Feás como á Liña de Alta Tensión de 42 quilómetros que arrancaría na Aguioncha.
A Marcha transcorreu con algunha caída sen consecuencias e un esvaemento leve. Non todos os que partiron de Feás fixeron cima nos penedos da Aguioncha, mais houbo reunión de baixada, despois da foto ao pé do monte, para avituallar bebida e algo de comida. Unha parada que unha das organizadoras aproveitou para agradecer o esforzo e convidalas á seguinte andaina, cando cadre, en defensa das nosas montañas. Tamén houbo música (gaiteiros) antes do regreso.
Calvos de Randín, Os Blancos, Baltar, 31 de xullo de 2022.