O BNG presenta 83 emendas á Lei de Igualdade para blindar e ampliar os dereitos das mulleres
Olalla Rodil considera pouco ambicioso o proxecto da Xunta e reclama ferramentas para que a norma non se quede só en declaracións de intención.
Un Instituto das Mulleres, blindar e garantir os dereitos sexuais e reprodutivos, a Valedoría da Igualdade no ámbito laboral e máis servizos para a conciliación e a corresponsabilidade, entre as propostas Bloque.
A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, presentou as 83 emendas que o BNG vén de rexistrar na Cámara galega ao proxecto de Lei de Igualdade que, dixo, “é insuficiente e non está a altura do que necesita e reclama hoxe a sociedade galega e o feminismo”. “Que temos que recibir igual trato as mulleres que os homes está escrito nas leis desde hai case dúas décadas, e hoxe en día o que precisamos é poñer os recursos e as ferramentas para que eses dereitos que se recoñecen no papel se convertan en realidade”, asegurou Rodil.
O proxecto de lei presentado pola Xunta é “moi pouco ambicioso” e “non se axusta nin á realidade actual de Galiza nin ás demandas da sociedade de hoxe”, considerou Rodil, quen reclamou mecanismos e ferramentas concretas para que a norma non se quede só en “moitas declaracións de intencións”.
Blindar e ampliar os dereitos das mulleres, mellorar os servizos públicos que deben garantir eses dereitos e dar un paso adiante non só no recoñecemento senón tamén no cumprimento do que poñen as leis dende hai dúas décadas son os tres grandes obxectivos das emendas rexistradas polo BNG.
O Bloque fai catro grandes propostas. A primeira é a creación do Instituto Galego das Mulleres como organismo autónomo encargado de promover a igualdade real e efectiva en todos os ámbitos, avaliar as políticas públicas na materia, emitir estudos e informes e poñer en marcha campañas de sensibilización.
Trataríase, segundo explicou Rodil, dun instituto semellante aos que xa funcionan no País Vasco ou en Cataluña, ou ao Instituto de las Mujeres a nivel estatal. En Galiza xa existiu o Servizo Galego das Mulleres, lembrou, pero o PP decidiu eliminalo en 2010 ao consideralo un “derroche”. “Quero pensar que hoxe O PP non cre que os dereitos das mulleres e que as políticas públicas encamiñadas a garantilos son un derroche”, afirmou.
A segunda gran proposta do Bloque pasa por blindar e garantir os dereitos sexuais e reprodutivos. Para elo pídese a creación dunha rede pública de centros de atención á saúde sexual que integre, fortaleza e amplíe os actuais Centros de Orientación Familiar (COF) e os Centros Quérote+. O BNG reclama así mesmo a dotación de persoal suficiente nos centros de saúde, como matronas, para garantir o acceso de todas as mulleres aos servizos obstétricos e xinecolóxicos, independentemente do lugar de residencia ou do ciclo vital no que se atopen.
O proxecto de lei presentado exclúe dereitos fundamentais como o do aborto, de aí que outra das propostas do Bloque sexa dotar á sanidade pública dos recursos necesarios para exercer este dereito “sen sermos derivadas a centros e clínicas privadas mesmo noutras provincias”, dixo Rodil.
A terceira gran aposta do Bloque é a creación dunha Valedoría da Igualdade para actuar no ámbito laboral. O seu obxectivo sería asesorar e prestar asistencia perante situacións de discriminación por razón de xénero que se produzan no sector privado e impulsar sancións contra empresas ou entidades que vulneren os dereitos das mulleres.
Entre as 87 emendas do BNG destaca, finalmente, unha serie de propostas dirixidas a garantir o dereito á conciliación e promover a corresponsabilidade non só nos coidados das crianzas senón tamén das persoas dependentes, das persoas con discapacidade ou das persoas maiores.Neste sentido, destacou a viceportavoz, o Bloque pide crear un capítulo na Lei de Igualdade dirixido, entre outras cuestións, a garantir prazas suficientes nas escolas infantís -especialmente de 0 a 3 anos-, crear un servizo de atención domiciliaria a menores, ampliar con máis prazas a rede de centros de día públicos ou crear unha liña de axudas para a contratación de persoal durante os permisos de maternidade e paternidade das persoas autónomas.