Redacción •  Galicia •  01/10/2023

A CIG-Xustiza reclama un novo xulgado do Penal en Ourense que remate coa saturación actual

  • Denuncia que dende 2017, ano no que comezou o colapso destes xulgados, só se integraron tres funcionarios/as e un reforzo interino.
A CIG-Xustiza reclama un novo xulgado do Penal en Ourense que remate coa saturación actual

O sector de Xustiza da CIG-Administración vén de remitirlle un escrito á dirección xeral de Xustiza para reclamarlle a creación dun novo xulgado do Penal en Ourense que remate coa saturación actual, e tendo en conta que a bolsa de asuntos pendentes “non deixa de medrar día a día”. Na central sindical denuncian que dende 2017, ano no que comezou o colapso destes xulgados, unicamente se integraron no cadro de persoal tres funcionarios/as e un reforzo interino.

As propias estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), e tamén as solicitadas nos xulgados Penais do partido xudicial de Ourense pola representación da CIG, evidencian que se están a superar con exceso os módulos fixados polo propio CXPX, “polo que a bolsa de asuntos pendentes crece día tras día”.

A modo de exemplo, segundo os datos correspondentes ao ano 2022 no Xulgado do Penal número 1, na actualidade hai 750 executorias en trámite; 366 procedementos abreviados pendentes; e 412 xuízos sinalados. E no Xulgado do Penal número 2 acumúlanse 600 executorias en trámite; 276 procedementos abreviados pendentes; e 520 xuízos sinalados. “E todo iso contando que estes xulgados levan tamén causas con preso/a e asuntos de violencia de xénero”.

Neste senso, dende a central sindical denuncian que dende 2017, ano no que comezou o colapso destes xulgados, integráronse nos cadros de persoal unicamente tres funcionarios/as do corpo de tramitación procesual do servizo de apoio, dous deles/as para o xulgado do Penal numero 1 e outro/a para o Xulgado do Penal número 2; así como un reforzo interino tamén do corpo de tramitación procesual para o número 2.

“Parece inconcibible que tras seis anos nesta situación, e vendo as datas de sinalamentos e a sobrecarga de traballo asumida polos traballadores/as, non se crease un aínda novo xulgado do Penal, xa que a situación clama ao ceo”. Porque este exceso de carga de traballo nos órganos penais xerou unha elevada saturación na tramitación de asuntos pendentes, poñéndose en risco a saúde laboral do persoal e afectando tamén aos cidadáns (Art. 24,2 da CE, dereito a un proceso público e sen dilacións indebidas).

“É evidente que co atraso nos prazos e sinalamentos como consecuencia da sobrecarga de traballo, situación que non se solucionou coas medidas de reforzo adoptadas, resulta imprescindible que na vindeira programación de creación de órganos se tome en consideración a urxente necesidade de contar cun novo xulgado do Penal que poida absorber a carga de traballo e prestar un mellor servizo”.


Sindicalismo /