BNG leva ao Parlamento Galego a posta en marcha do GALTREN
- Un ente ferroviario galego que garanta un tren de proximidade, interior e de calidade.
- Olalla Rodil denuncia a falta de conexión ferroviaria de Lugo con Santiago de Compostela, as pésimas condicións da vía A Coruña-Ferrol, cun tren a 40 Km por hora, e o illamento das comarcas da Mariña e Ortegal.
A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil deu conta dos asuntos que centrarán o vindeiro pleno no Parlamento galego, tras a Xunta de Portavoces.O BNG proporá na vindeira sesión plenaria, “crear un ente ferroviario que garanta un tren de proximidade, interior e de calidade”. O GALTREN será a resposta ás demandas dos galegos e galegas a un problema que arrastramos dende hai moito tempo e á situación na que se atopa o sistema ferroviario galego.
Recentemente, explicou a nacionalista, víamos esa viaxe inaugural a Madrid, a segunda vez que se inauguraba o AVE a Galiza, acompañada de grandes pompas da Xunta para festexar 20 anos de “atraso e incumprimentos dos gobernos de PP e PSOE en Madrid”.
Pero o AVE, dixo Rodil, non resolve todos problemas e agravios de infraestruturas e moi especialmente no tren. Sen ir máis lonxe, o exemplo máis “evidente, palmario e groseiro” témolo en Lugo, única capital sen conexión directa con Santiago de Compostela, mantén unha liña sen electrificar e o “único servizo con Santiago de Compostela foi eliminado a semana pasada” pero a maiores, “o colmo do indecente” foi cando as persoas usuarias do traxecto Lugo-Ourense quedaron “tiradas” onte na estación pola falta de maquinista.
Falamos de Lugo pero podíamos falar da conexión A Coruña – Ferrol a 40km por hora polas pésimas condicións da vía e falta da electrificación da mesma ou do desmantelamento do FEVE o que deixa “illadas practicamente ás comarcas da Mariña e Ortegal”.
O tren é unha peza chave na loita contra a crise climática, na descarbonización e na economía pero tamén factor determinante para garantir a cohesión e vertebración territorial e o impulso da mobilidade colectiva.
No vindeiro pleno, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará a Núñez Feixóo se cre que está sendo útil para enfrontar os problemas que ten Galiza. Porque estamos, dixo Rodil, ante un presidente que día a día está dedicado a “culpabilizar aos demais dos problemas de Galiza e sobre todo, dedicado a facerlle oposición ao BNG”.
No pleno, o BNG defenderá diversas iniciativas centradas na protección do medio e o territorio fronte ao “espolio e a depredación”. En primeiro lugar, explicou a nacionalista, cunha interpelación ao vicepresidente de económica e industria para modificar a normativa que regula o sector eólico para o seu o aproveitamento e o desenvolvemento da enerxía renovable compatible co territorio e a vida no medio rural. Os galegos e galegas deben beneficiarse da riqueza xerada polo muíños de vento e deixar de “encher os petos o lobby eléctrico”.
Neste sentido, interpelaremos ao conselleiro sobre a protección das serras da Groba, do Galiñeiro e do Monte Aloia e tamén sobre a mina de San Finx.
Finalmente defenderemos unha Proposición non de lei sobre o control da Xunta de Galiza en materia de residencias de maiores na garantía dos seus dereitos fundamentais e sobre todo no dereito a unha vellez digna polo que pediremos reforzar os servizos de inspección, comunicar á Fiscalía calquera vulneración detectada como a saturación nos centros ou o uso de suxeicións mecánicas ilegais e que asesoría xurídica da Xunta valore se esas vulneracións poderían ter implicacións nos contratos públicos de concertación ou concesión sobre as empresas ou entidades que cometeron abusos e vulneracións dos dereitos fundamentais.