Esquerda Unida chama á sociedade galega a manifestarse o vindeiro día 6 de abril en prol da Sanidade Pública
Esquerda Unida apoia a mobilización convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para o vindeiro domingo 6 de abril en Compostela para defender a necesidade de reforzar o sistema sanitario público.

Compostela, 2 de marzo de 2025. Cuns centros de saúde faltos de persoal, Galicia afronta graves dificultades para garantir o acceso aos servizos sanitarios nun número crecente de vilas. As carencias de persoal na atención primaria continúan traducíndose en listas de agarda para as consultas de medicina, enfermaría, traballo social ou pediatría, entre outras. Unha situación que se traduce nunha importante desigualdade no acceso aos servizos sanitarios, sendo especialmente problemática nos concellos rurais.
As carencias de persoal empeoran nos períodos vacacionais e significan máis estrés para o persoal sanitario, co incremento da carga de traballo e un empeoramento na calidade da asistencia para as persoas usuarias.
Ao mesmo tempo, a atención hospitalaria continúa arrastrando as continuas listas de agarda en probas, intervencións e consultas que se traducen en máis derivacións á sanidade privada e un prexuízo para a saúde das persoas que agardan unha cita.
O 6 de abril, ás 12.00h., vémonos na Alameda de Santiago de Compostela para defender e exixir MÁIS SANIDADE PÚBLICA!!
— SOS Sanidade Pública Galega (@sos_sanidade) March 20, 2025
Para os diversos gastos da manifestación, puxemos en marcha un crowdfunding, no cal podedes facer achegas desde 5 €.
Moitas grazas pola participación!!#6Abril pic.twitter.com/rFvWqsqF5A
Esta problemática ten a súa orixe nos recortes de persoal aplicados polos gobernos do Partido Popular durante anos e na política de precarización do emprego temporal no Servizo Galego de Saúde. Ambas realidades foron expulsando centos de profesionais sanitarios nos últimos anos sen que o goberno da Xunta de Galicia teña tomado medidas reais para poder incorporalos de novo ao sistema público.
Esquerda Unida defende que a solución do actual deterioro do sistema sanitario pasa por incrementar o orzamento, aumentar o número de prazas en oferta pública de emprego e acordar un sistema de substitucións que mellore as condicións laborais do persoal eventual.
Por todo isto, unha vez máis chamamos á sociedade galega a mobilizarse pola nosa sanidade pública e acudir á manifestación que o domingo día 6 de abril recorrerá as rúas de Compostela na súa defensa.
