Redacción •  Galicia •  02/08/2022

Unidas Podemos insta ao Goberno a bonificar o 100% dos abonos AVANT en Galicia

Galicia en Común rexistrou unha batería de preguntas dirixidas ao Ministerio de Transportes relativas á implementación das bonificacións dos abonos do servizo ferroviario de proximidade e media distancia.

Unidas Podemos insta ao Goberno a bonificar o 100% dos abonos AVANT en Galicia

Nas bonificacións anunciadas polo Goberno non se inclúe a liña AVANT, que en Galicia conecta A Coruña, Santiago de Compostela e Ourense, frecuentado diariamente por miles de galegos. As frecuencias actuais de RENFE non cobren as demandas dos viaxeiros e algunhas delas que foron suspendidas para conter a pandemia aínda non se recuperaron.

Con este contexto, Galicia en Común pregunta ao Goberno os motivos polos que se excluíu á liña AVANT da bonificación do 100%. “Cunhas frecuencias de media distancia insuficientes é de xustiza que os galegos e as galegas teñan os abonos totalmente bonificados”, sinala o secretario xeral de Podemos Galicia e deputado de Galicia en Común, Antón Gómez Reino.

Neste sentido, o deputado sostén que “hai que traballar para mellorar o servizo de tren en Galicia. As bonificacións traerán un impacto positivo para as galegas, pero non da mesma maneira que noutros territorios que si contan cuns bos horarios e unha rede de proximidade forte. En Galicia hai comarcas que están incomunicadas, con estacións en moi mal estado e sen persoal, por iso para moitas persoas o tren non é unha opción viable. Aí é onde hai que traballar. Conseguir que non haxa unha persoa sen unha boa cobertura de tren en Galicia”.

A iniciativa tamén alude ao posible aumento da demanda do tren e pregunta polas medidas que o Goberno prevé no caso de que iso ocorra. Galicia en Común propón aumentar frecuencias en Galicia, principalmente porque as bonificacións chegan co inicio do curso académico, e expón unha posible bonificación de todos os servizos declarados Obrigacións de Servizo Público (OSP) e en todos os títulos de transporte.

Galicia en Común destaca que estas bonificacións nos trens non teñen precedentes na nosa historia e poñen en valor que o tren como servizo público supón unha ferramenta moi eficaz de soberanía na mobilidade e sustentabilidade, especialmente en tempos de crise enerxética. A formación insta ás administracións a avanzar na cobertura á poboación e así aproveitar todas as posibilidades que ofrece o tren, para o que é preciso mellorar a vertebración territorial en territorios como Galicia.


Galicia en Común /