Redacción •  Galicia •  02/10/2022

Eva Solla: «A proposta do PP e insuficiente, apenas modifica a actual lei vixente e non aborda a problemática da ludopatía no país»

  • “Tres anos despois de que o PP votara en contra da lei que presentamos, é obvio que desde o Parlamento de Galicia hai unha ausencia total de proposta política»
Eva Solla: «A proposta do PP e insuficiente, apenas modifica a actual lei vixente e non aborda a problemática da ludopatía no país»

A Xunta de Galicia vén de anunciar unha nova lei do xogo despois de que o proxecto presentado polo PP en 2019, que Esquerda Unida cualificaba de “fraude” fora considerado polo Consello Económico e Social como permisivo e insuficiente á hora de abordar o xogo como unha patoloxía.

Á espera de coñecer o texto íntegro anunciado por Rueda, a coordinadora nacional de Esquerda Unida Eva Solla, manifesta que “é unha necesidade aprobar unha lei do xogo que priorice a saúde pública fronte aos beneficios empresariais”.

Xa no 2019 Esquerda Unida presentaba no Parlamento de Galicia unha Lei do Xogo que contemplaba as reivindicacións de profesionais e familias afectadas, e contemplaba o grave problema de saúde pública que supoñía a proliferación das casas de apostas.

“Comezamos mal cando a proposta que lanza o PP contempla tan só 300 m. de distanciamento das casas de apostas con respecto aos lugares frecuentados pola xuventude -colexios, parques infantís, lugares de ocio e instalacións” manifesta Eva Solla, sobre todo “tendo en conta que o tramo de idade no que máis aumenta esta patoloxía é de 18 a 25 anos, a proposta de distanciamento é totalmente insuficiente”.

Nesta liña a inacción política ante unha situación de gravidade e saúde pública, Solla afirma que “tres anos despois de que o PP votara en contra da lei que presentamos, é obvio que desde o Parlamento de Galicia hai unha ausencia total de proposta política ante a necesidade dunha lei acorde á problemática e á situación na que deriva esta proliferación de casas de apostas. O PP presenta agora unha lei que non contempla a realidade, que non prohibe a publicidade, nin a venda de alcohol neses locais facilitando a dobre adicción alcol-xogo, non protexe ás familias, en definitiva -manifesta Solla- non frena a ludopatía no país”.


casas de juego y de apuestas /