Redacción •  Galicia •  02/10/2024

BNG reivindica a presidencia da comisión de investigación dos ‘chanchullos’ do PP e urxe que bote a andar no prazo dun mes

Pontón preguntará a Rueda se avala a xestión do PP sobre a AP-9 cunha ampliación ilegal que fixo que as galegas e os galegos aínda paguemos peaxes abusivas.

BNG reivindica a presidencia da comisión de investigación dos ‘chanchullos’ do PP e urxe que bote a andar no prazo dun mes

A viceportavoz primeira no Parlamento, Olalla Rodil, reivindicou na Xunta de Portavoces que sexa o BNG quen presida a comisión de investigación sobre os “chanchullos” na contratación do Goberno do PP pois, alegou, foi grazas á forza que os galegos e as galegos lle deron á formación nacionalista nas pasadas eleccións, cos seus 25 deputados, a que permitiu que se crease a comisión.

Olalla Rodil lamentou a falta de “xenerosidade” do PP, que rexeitou a petición que o BNG entende “de xustiza” por respecto á maioría de deputados que permitiu a creación da comisión, que se constituirá o vindeiro venres, día 4. Unha comisión para a que o grupo nacionalista volveu reclamar a máxima celeridade e que “non quede    “quizais  

Unha comisión que, tal e como se acordou, constituirase este venres e que o BNG esixiu de novo que comece a traballar canto antes “e non acabe como tantas outras deste Parlamento durmindo o sono dos xustos” porque o PP “non ten o máis mínimo interese”, advertiu. O Bloque reclamou, neste sentido, que a comisión comece a traballar no prazo dun mes,  unha vez aprobadas as normas de funcionamento e o plan de traballo, coa solicitude de documentación e comparecencias correspondentes.

“Pedimos axilidade para unha comisión que naceu para pór luz e taquígrafos sobre unha cuestión da máxima relevancia, porque estamos falando de millóns de euros públicos saídos do peto das galegas e dos galegos que foron parar polo método dixital, a dedo, a emprsa amigas do PP”, manifestou a viceportavoz.

No que ten que ver coa orde do día do Pleno, Rodil adiantou que Rueda, que comparecerá a petición propia, farao tamén a proposta do BNG para falar da reforma do sistema de financiamento e para explicar “por que se nega o Goberno do PP e el mesmo a negociar directamente, de maneira bilateral, co Goberno do Estado unha reforma que se axuste ás necesidades e aos intereses de Galiza, e por que non acepta a quita da débeda”. Lembrou, neste sentido, que o pago da débeda é o terceiro maior gasto do orzamento da Xunta. “A cantidade de cartos que pagamos pola débeda é superior á que manexa a Consellería de Medio Rural”, exemplificou.

Rodil avanzou ademais que o BNG, a través da súa portavoz nacional, Ana Pontón,  preguntará a Rueda como valora, e se avala, a xestión dos gobernos do PP sobre a AP-9 e, máis en concreto, a ampliación do contrato da concesión realizada polo Executivo de José María Aznar en 2000, que fixo que as galegas e os galegos sigamos pagando peaxes abusivas até hoxe en día.

Pontón preguntará sobre a ampliación da concesión por 25 anos que levou aparellada a posterior venda e privatización da autoestrada despois de coñecerse as conclusións do estudo sobre a AP-9 encargado polo BNG á expertos da Universidade da Coruña, segundo o cal a prórroga foi ilegal ao vulnerar o dereito comunitario. Un estudo, subliñou Rodil, que se suma oa encargado polo Goberno de PP que “unha vez máis pon a raposa a coidar do galiñeiro”, pois foi feito por unha consultora que ten “suculentos negocios” con Audasa.  

“Foi por esa decisión do PP que estamos aínda pagando as abusivas peaxes”, asegurou Olalla Rodil sobre a prórroga, lembrando que esas peaxes están hoxe bonificadas grazas ás negociacións do Bloque en Madrid “para aliviar a carga económica que o PP impuxo ás galegos e aos galegos.

Medidas contra a deslocalización de empresas que recibiron axudas

Entre as iniciativas que o BNG vai levar ao Pleno da próxima semana figura, por outra banda, unha PNL para modificar o marco legal e impedir a deslocalización de empresas que recibisen axudas públicas. “Galiza está a ver nos últimos anos como importantes sectores económicos como a automoción ou o téxtil foron perdendo cada vez máis peso no noso País porque as empresas levaron toda ou parte da súa produción a outros países”, explicou Rodil. Como exemplo disto, referiuse á produción do modelo K9, que Stellantis, que recibiu nos últimos dez anos máis de 80 millóns de euros públicos, vai levar a Turquía.

En concreto, o Bloque reclamará que as axudas se vinculen ao compromiso por parte das empresas beneficiarias de non incorrer en deslocalización, en cuxo caso, procederíase ao seu reintegro, xunto cos intereses de demora devengados. A proposta nacionalista inclúe ademais un segundo punto para impulsar unha lei anti-deslocalizacións, un marco xurídico claro para que o diñeiro público que recibe o tecido empresarial e produtivo afincado en Galiza reverta na xeración de emprego e riqueza no País.

Aproveitando a celebración do Día Mundial da Saúde Mental, o 10 de outubro, a formación nacionalista interpelará sobre esta cuestión ao conselleiro de Sanidade, para que rinda contas sobre o cumprimento de anuncios feitos polo seu propio goberno e que aínda non se fixeron efectivos, como o de dotar de psicólogas e psicólogos clínicos os centros de saúde.


BNG /