Redacción •  Galicia •  03/01/2024

Ecoloxistas en Acción denuncia incumprimentos da autorización ambiental da planta de lodos de Touro

  • Cheiros, aires, augas e terras contaminadas son o resultado da actividade realizada pola empresa TEN na zona da mina de Touro.
  • Ecoloxistas en Acción opónse á renovación da autorización ambiental integrada.
Ecoloxistas en Acción denuncia incumprimentos da autorización ambiental da planta de lodos de Touro

Ecoloxistas en Acción denuncia que a empresa TEN – Tratamientos Ecológicos del Noroeste, ligada ao complexo da antiga mina de Touro e ao ex-profesor da USC Felipe Macías, continúa operando sen unha autorización ambiental actualizada. A Xunta someteu a revisión da autorización ambiental en 2021, máis logo de numerosas alegacións e requerimentos o procemento continúa sen resolverse.

Ecoloxistas en Acción ven denunciando o incumprimento do condicionado da anterior autorización ambiental, coa xeración de cheiros continuos e nauseabundos, que a empresa se nega a recoñecer. Dentro destes incumplimentos, hai máis de dous anos, a Consellaría de Medio Ambiente requeriu a instalación dunha estación de medición de calidade do aire dotada de analizadores automáticos que debería integrarse na Rede de Calidade do Aire de Galicia, mais a día de hoxe non se realizou esta actuación de control.

Ademais, desde a organización ecoloxista e a veciñanza afectada denuncian que a actividade, na que se procesan residuos de orixe doméstica e industrial, xustificárase no seu día como solución para a restauración dos terrenos da mina de Touro, algo que 20 anos despois continúa sen terse conseguido. Esa suposta solución, articulada mediante un convenio asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e cátedra de Edafoloxía da Universidade de Santiago, entón encabezada por Felipe Macías, tamén ligado á empresa TEN, só conseguiu crear lucros aínda maiores para o conglomerado empresarial da antiga mina.

Irregularidades urbanísticas

Ecoloxistas en Acción tamén cuestiona a legalidade urbanística das instalacións. Logo dunha inspección realizada polo Concello de Touro, o anterior goberno municipal outorgou unha licenza de legalización das instalacións en outubro de 2022, que se atopan en solo rústico. Ecoloxistas en Acción considera ilegal que fose o Concello o que iniciase o procedemento de reposición da legalidade urbanística, cando a competencia sancionadora corresponde á Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística (APLU). Precisamente despois da inspección para comprobar a correspondencia entre as obras que foron autorizadas e as realizadas efectivamente sobre o terreno, constatouse que as obras executadas non se correspondían coas que foran obxecto de licenza.


minas /