A CIG lanza unha campaña con 12 medidas para acadar traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos
Baixo o lema «Traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos», a CIG acaba de pór en marcha unha campaña para enfrontar a precariedade laboral, o empobrecemento da clase traballadora, rematar coas desigualdades de xénero e a fenda salarial, garantir a creación de emprego de calidade e a protección social.
A campaña arrincará o próximo 6 de febreiro coa celebración de asembleas de delegados e delegadas nas sete cidades e na mesma insírense as mobilizacións e reivindicacións da central nacionalista para este 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, e o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega. O calendario de mobilizacións tamén se estenderá ao mes de abril, camiño do Primeiro de Maio.
O secretario xeral, Paulo Carril, e a secretaria confederal de Organización, Susana Méndez, debullaron o contido dunha campaña que dá continuidade á campaña «Stop precariedade» e que, entre outras medidas, demanda o estabelecemento do SMI nos 1.320,04€ para o ano 2025 (acadando así o 60% do salario medio do Estado español que marca a Carta Social Europea); a redución da xornada laboral ás 35 horas semanais (co obxectivo de acadar a xornada de catro días a 32 horas); implantar sistemas efectivos de control para que os plans de igualdade non sexan papel mollado; ou a posta en marcha dun plan de galego de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno.
O SMI non cumpre coa Carta Social Europea
Sobre a suba do SMI anunciada onte, e tendo en conta o factor de combate á pobreza que supón, Carril lamentou que o Goberno español, UGT e CCOO acorden un incremento que “segue incumprindo a Carta Social Europea”, ao quedar 138 euros por debaixo do que correspondería ao 60% do salario medio do Estado español (situado nos 30.801€, conforme ao método de cálculo utilizado polo Comité Europeo de Dereitos Sociais e os módulos salariais que publica a Axencia Tributaria).
Lembrou que a CIG ten presentada unha reclamación colectiva ante o Comité por este incumprimento do Estado español, “da que agardamos pronta resolución”, e denunciou a vulneración constante dos dereitos de participación institucional da CIG, na súa condición de sindicato máis representativo. O último exemplo, apuntou, foi a comunicación recibida ás nove da noite deste mércores do Ministerio de Traballo trasladando a proposta de SMI “para que fagamos as consideracións oportunas”, cando o acordo con CCOO e UGT xa fora anunciado horas antes.
Medre da precariedade laboral
«Hoxe, ter traballo non permite acceder a dereitos básicos como alimentación e vivenda, especialmente entre a xente nova e as mulleres», advertiron Carril e Méndez, debuxando unha realidade de precariedade e inestabilidade laboral «resultado da aplicación polo Goberno español de receitas neoliberais» impostas como requisito para acceder aos fondos europeos. Criticou que se aproban reformas constantes que combinan a insuficiencia de medidas «con outras que son claramente regresivas pero presentadas con moita propaganda».
Tal é o caso da recente reforma das pensións que elimina de maneira definitiva a xubilación parcial aos 61 anos e consolida o atraso da idade de xubilación ordinaria aos 67 anos. Para «branquear» estas políticas, censurou Carril, recórrese ao diálogo social «onde a patronal ten garantida a súa axenda e onde CCOO e UGT desempeñan un papel entregado á desmobilización».
Por iso, para recuperar e poder avanzar en dereitos, a central nacionalista segue a demandar a derrogación da reforma laboral de 2012 e un cambio radical na de 2021, nomeadamente no que afecta ao recoñecemento de condicións dignas para as traballadoras a tempo parcial, fixas discontinuas, dos centros especiais de emprego e nas subcontratas; e nos contratos formativos, que a retribución polo tempo de traballo sexa o 100% da fixada no convenio colectivo para evitar o uso fraudulento e abusivo desta figura.
Ademais, aprobar unha renda de inserción laboral e social na contía do SMI, para as persoas maiores de 18 anos que non cobren ningunha prestación; e garantir o carácter non absorbíbel nin compensábel das subas do SMI.
Pór os recursos ao servizo do desenvolvemento do país
O secretario xeral advertiu que o impacto negativo destas medidas multiplícase en Galiza pola acción decidida do Goberno do PP «que impón un deseño ao servizo das grandes corporacións empresariais que veñen espoliar os nosos recursos, negándose a apostar por un desenvolvemento galego propio a pesar de que cada día máis sectores produtivos e a desertización social e industrial é maior».
Fronte a esta realidade, a CIG segue demandando a intervención pública de sectores estratéxicos da económica e garantías de que o aproveitamento dos recursos dispoñíbeis no noso país «estean ao servizo de crear emprego digno, pechar ciclos produtivos, aumentar o valor engadido, diversificar as capacidades produtivas e industriais, garantindo unha rendibilidade social e non privada e o equilibrio territorial e ambiental».
A central nacionalista tamén continúa reivindicando a creación dun Sistema público galego de servizos de atención ás persoas, recuperar e fortalecer a sanidade e o ensino público, prohibir os desafiuzamentos e incrementar o parque público de vivendas sociais. E o traspaso de plenas competencias en materia laboral, de Seguridade Social, servizos públicos, fiscais, etc.
Avanzar na igualdade real
A secretaria de Organización, Susana Méndez, alertou que a lexislación aprobada nos últimos anos en materia de igualdade non garante unha valoración xusta dos traballos feminizados nin unhas retribucións iguais para traballos de igual valor. De feito, salientou que a fenda salarial mesmo aumento despois da entrada en vigor da última reforma laboral. Por iso, demandou que as auditorías retributivas e os plans de igualdade deben identificar as causas das fendas e as discriminacións laborais, así como implantar sistemas de control que garantan aplicacións reais e efectivas para reducilas e eliminalas.
Neste sentido, Méndez instou a reforzar por lei o papel fiscalizador da Inspección de Traballo na aplicación destas normas e que se active un plan especial de control da Administración Pública no cumprimento normativo dos convenios colectivos para incorpora medidas que camiñen na eliminación das desigualdades e discriminacións.
Ademais, demandou que se amplíen os permisos de conciliación e as súas coberturas, xa que a día de hoxe, as mulleres seguen asumindo de xeito maioritario as tarefas de coidados «e poder facer efectivo o dereito de conciliación pasa en moitas ocasións por facer uso de permisos non retribuídos, reducións de xornada e mesmo excedencias, que as penalizan economica e laboralmente».
Dereito a negociar en Galiza os nosos convenios
Na súa intervención, Carril destacou o papel fundamental da negociación colectiva para mellorar as condicións de vida da clase obreira e reivindicou o dereito a negociar e decidir en Galiza «os nosos convenios colectivos, coas solucións máis caídas a nosa realidade laboral, social, industrial económica e demográfica». «Recoñecer este dereito significa poder democratizar a negociación colectiva ante a permanente centralización en convenios estatais negociados por cúpulas sindicais sen a participación das persoas traballadoras», aseverou Carril.
«Está na nosa capacidade de organización sindical e loita podermos negociar aquí e non en Madrid», incidiu, lanzando un chamado a confrontar ante patronal e gobernos e mobilizarse en demanda de política favorábeis á clase traballadora. «Porque os dereitos conquístanse loitando».
Na mesma liña, Méndez salientou que “a implantación destas medidas e outras que dende a CIG vimos formulando en anos anteriores, as posibilidades dunha vida digna para a clase traballadora galega veríanse aumentadas considerabelmente”. Pero é preciso, matizou, “que os Gobernos asuman e poñan en marcha estas propostas”, e para lograr este obxectivo cómpre que as traballadoras e os traballadores tomen conciencia e se mobilicen.