As políticas de vivenda de Feijóo están a castigar a miles de persoas ao tempo que o PP ampara a bancos, fondos voitre e especuladores, denuncia Anova
A formación esixe ao Goberno da Xunta que cumpra o acordo parlamentario de 2019 que posibilitaría aplicar recargos no IBI das vivendas baleiras a grandes posuidores.
O 1 de abril e 2019 unha iniciativa do portavoz nacional de Anova Antón Sánchez conseguiu o apoio unánime no Parlamento para que a Xunta de Galicia definira o concepto de vivenda desocupada se o Estado non o facía en 6 meses, a partir da modificación da Lei 8/2012, de vivenda de Galicia.
Anova recorda que o concepto de vivenda desocupada «é fundamental» para que os concellos, si así o deciden, poidan aplicar un recargo de ata o 50% do IBI ás vivendas baleiras de grandes posuidores, dado que ante a ausencia desta definición non se pode aplicar o artigo 72 da Lei 2/2004 de Facendas Locais e os concellos non teñen amparo legal para levar a cabo unha política fiscal que promova a utilización da vivenda baleira para axudar a cumprir coa súa función social nun contexto de gran suba dos prezos de alugueiros nas principais cidades galegas.
De feito -sinala Anova-, nalgunhas vilas galegas a alza de prezos de aluguer achegouse ao 30%, mentres que sen embargo as recribucions da xente traballadora non subiu na mesma proporción, o que resulta «no empeoramento dramático da vida de milleiros de persoas, chegando en moitos casos á expulsión das súas casas».
Segundo indican, un recente informe da Fundación Foessa sobre a exclusión social, citaba a vivenda como factor clave nese senso na actualidade, ao tempo que «aos bancos e fondos voitres sáelles gratis manter vivenda valeira para especular», dado que o PSOE no Goberno español coma o PP en Galiza «néganse a cumprir unha lei vixente dende hai 17 anos e un acordo parlamentario de hai 2».
Por iso, este feito de non querer aplicar políticas fiscais sobre a vivenda baleira «é fundamental para entender o fracaso absoluto do Programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia», que en 5 anos só conseguiu poñer en alugueiro social, segundo os últimos datos, 24 inmobles.
A diferencia do caso galego -recordan-, «hai oito comunidades autónomas do Estado español que xa fixeron os seus deberes definindo o concepto de vivenda baleira» co obxectivo de gravas aos grandes posuidores ao tempo que adaptan a súa definición á cada unha das súas realidades sociais mentres «en Galiza o PP incumpre os seus propios compromisos», amparando deste xeito a bancos, fondos voitres e especuladores e castigando cada vez a máis xente ao impedir de facto que se mobilice a vivenda baleira e se regulen os prezos.
“Os datos e os feitos de Feijóo dende que chegou ao goberno galego non enganan. Nada lle importa que haxa xente que é expulsada do seu fogar, que as familias traballadoras paguen cada vez máis porcentaxe dos ingresos pola vivenda engrosando moitas veces os beneficios dos bancos e fondos voitre, que sexa un factor de exclusión social ou que sexa un obstáculo para a emancipación da xente moza. Só lle importan os beneficios dos especuladores”, declarou Antón Sánchez, que reclamou “que a Xunta de Galicia cumpra e deixe de bloquear que os concellos poidan facer unha política fiscal e de vivenda máis xustas”.