Redacción •  Galicia •  03/06/2024

O FunFunFun24 enche de fanzines o compostelán CSC de Santa Marta

Laboratorios creativos e encontros académicos: as principais novidades da sexta edición do evento.

O FunFunFun24 enche de fanzines o compostelán CSC de Santa Marta

Compostela, 3 de maio de 2024. O vindeiros días 4 e 8 de xuño celebrarase a VI Edición do FunFunFun. Movidote de autoedición e banda deseñada independente. Este evento, que xa é unha das citas ineludíbeis da primavera compostelá, reúne a creadores e artistas gráficos nunha feira de fanzines e banda deseñada, mais tamén doutras disciplinas da autoedición.

O día 4 estará adicado ás xornadas FUNkadémicas que decorrerán na Facultade de Xeografía e Historia da USC. Será un espazo de reflexión e encontro teórico sobre o mundo dos fanzines e a autoedición a través de palestras con investigadoras e mesas de debate. Contará con poñentes da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade do Porto, que abordarán diferentes cuestións relacionadas co mundo da autoedición e da BD, cos colectivos independentes e co intercambio de produción gráfica entre Galiza e Portugal. Estas xornadas xorden da colaboración do FunFunFun co grupo de investigación IDEAHS do Departamento de Historia da Arte da USC.

O día 8 as actividades comezarán ás 10 horas, coa celebración de tres obradoiros creativos no marco do FunFunLab, unha das novidades desta edición. Dani Xove e Maru Astray facilitarán o taller de gráfica, o Club de Foto da Facultade de Ciencias da Comunicación encargarase do obradoiro de fotografía “Movida Estenopeica”, mentres que o director e montador Bruno Arias impartirá un Retiro Audiovisual Exprés. A participación no FunFunLab require inscrición no enderezo electrónico funfunlabs@funfunfun.gal.

Durante todo o día poderase visitar a feira de fanzines, onde distintos autores, autoras e colectivos poderán expoñer e vender as súas obras. O evento estará amenizado por dúas picadas a cargo de Ningún Dj, en sesión matinal, e Meriwlson, pola tarde. Ás 14 horas terá lugar a performance-presentación do fanzine El Delicioso, a cargo de Maru Astray e Cibrán e ás 17 a Perfomance Lobopoética de Benxa Otero e Neves Rodríguez.

A xornada pechará ás 23 horas no bar Camalea coa picada de Pídechas o Corpo (DJ´s). Todas as actividades do festival son de balde e pódense consultar en: www.funfunfun.gal.


cómic /