Redacción •  Galicia •  03/07/2022

A Xustiza declara nulo o despedimento dun delegado de CCOO na firma Noa Madera Creativa, do Grupo Malasa

  • O Xulgado do Social n.º 1 de Ferrol dálle a razón a CCOO e declara nulo o despedimento dun delegado deste sindicato que traballaba na firma Noa Madera Creativa, do Grupo Malasa.
  • A resolución xudicial obriga a compañía a readmitir o traballador no prazo de cinco días hábiles hábiles contados a partir da notificación da sentenza, así como a aboarlle os salarios deixados de percibir desde a data de rescisión do contrato, o 5 de xuño do 2020, hai xa dous anos.
A Xustiza declara nulo o despedimento dun delegado de CCOO na firma Noa Madera Creativa, do Grupo Malasa

No momento do despedimento, o delegado de CCOO ostentaba a condición de membro do comité de empresa. No marco do ERE que Noa Madera acometeu en 2020, incluíu o denunciante no proceso de despedimento colectivo, malia que a lexislación lle outorgaba preferencia de continuidade na empresa por ser representante dos traballadores e das traballadoras.

Alejandro Bello, responsable comarcal de CCOO-Hábitat en Ferrol, lembra que o sindicato xa denunciara que o Grupo Malasa non se acollera a un ERTE de forza maior vinculados á pandemia, que non afectaban ao desemprego e garantirían a protección dos postos de traballo durante seis meses.

A empresa non xustificou a decisión

Porén, a compañía decidiu ir adiante co despedimento colectivo, que afectou á metade do persoal e, concretamente, á totalidade da sección do metal, na cal traballaba o delegado de CCOO. A sentenza recolle tamén a «certa polivalencia» do traballador afectado para continuar na compañía noutras seccións que non fosen as súas, sen que a empresa demostrase «real xustificación» que o impedise.

CCOO recupera a representación

Por todo isto, CCOO-Hábitat congratúlase pola sentenza do Xulgado do Social n.º 1 de Ferrol, que permitirá que o sindicato recupere a súa situación sindical na empresa —os outros dous representantes foron despedidos tamén no ERE—. «Estamos de volta e seguiremos defendendo os dereitos laborais de todos os traballadores e traballadoras de Noa Madera de denunciando calquera irregularidade que se produza».


conflicto laboral /