«Eu apoio ao pobo palestino!»
Porque non podemos ficar en silencio ante a escalada bélica que promove a propagación dos asasinatos e que utiliza a fame como arma de guerra contra a poboación civil.
Comunicado Compostela x Palestina
Coa vontade de expresar públicamente o rexeitamento ao xenocidio que o estado de Israel está a levar a cabo contra o pobo palestino, conscientes da emerxencia humanitaria, da destrución de todas as infraestruturas esenciais para a vida (hospitais, escolas, rede eléctrica, de agua…) e das consecuencias sociais e políticas; asinamos estas liñas para nos unir a tantas outras manifestacións que xermolan estes meses alén das fronteiras.
Facémolo porque non queremos ser parte do silencio cómplice que apaga a realidade de miles de persoas encerradas nun campo de exterminio. Porque non podemos ficar en silencio ante a escalada bélica que promove a propagación dos asasinatos e que utiliza a fame como arma de guerra contra a poboación civil. E porque cremos firmemente nas demandas que aquí se recollen:
- Alto ao fogo inmediato.
- Apertura de corredores humanitarios e cese do asedio sobre os territorios palestinos.
- A solución pacífica e negociada baseada no dereito internacional, incluíndo o dereito de retorno das persoas palestinas.
- A posta en marcha dun proceso de diálogo que garanta a fin da ocupación e o apartheid contra o pobo palestino e o dereito dos pobos á paz.
- O fin do comercio de armas con Israel do Goberno do Estado Español.
- Cese de relacións diplomáticas coa entidade sionista.
Facemos un chamamento ao Boicote, Desinvestimentos e Sancións a Israel como ferramenta non violenta de loita ata que non se cumpran, como mínimo, estas medidas. Asinamos estas liñas como parte da sociedade civil galega. Facémolo porque cremos, e queremos tamén para nós mesmas, unha realidade de paz na que poder vivir sen a ameaza continua da violencia.