Redacción •  Galicia •  03/08/2024

A folga das traballadoras de Women’Secret continúa ante o total desprezo e abandono de Cortefiel

  • Concentraranse ás 12:00 horas diante da tenda da Praza de Lugo, na cidade da Coruña.
A folga das traballadoras de Women’Secret continúa ante o total desprezo e abandono de Cortefiel

Este sábado, día 3 de agosto, as traballadoras da cadea Women’Secret da provincia da Coruña secundan, de novo masivamente, a terceira xornada de folga. Coincidindo coa convocatoria concentráronse ás 12:00 goras diante da tenda da Praza de Lugo na cidade da Coruña.

A carga de traballo continúa a ser insoportábel e o abandono por parte da dirección da empresa é maior cada día que pasa. Segundo denuncia a CVIG-Servizos, néganse a aplicar os aumentos de xornada e a contratación que reclama o comité de empresa unha e outra vez.

En pleno período de rebaixas de verán e coas tendas repletas de clientela e batendo récords de venda, a cantidade de persoal é exigua. As traballadoras caen enfermas e non son substituídas. Chega a darse o caso, en repetidas ocasións, de ter que pechar as tendas de maneira temporal por non poder atender a clientela ou repoñer a mercadoría vendida.

A dirección da empresa -lembramos que se trata do grupo Cortefiel, cuxo principal propietario é un fondo de investimento- observa impasíbel o sufrimento das súas traballadoras e limítase a facer caixa e recoller os beneficios.

Despois de dúas xornadas de folga na que pecharon todas as tendas da provincia ante o inmoral desprezo da empresa. De non se producir reacción algunha, o calendario de folga continuará o primeiro sábado de cada mes: 7 de setembro, 5 de outubro, 2 de novembro, 29 de novembro e 7 de decembro.


huelga /