Redacción •  Galicia •  03/09/2021

A Inspección de Traballo de Lugo certifica unha «infracción grave» da ONCE en materia de xornada e tempo de traballo

A resolución da autoridade laboral produciuse após a denuncia presentada por CCOO.

A Inspección de Traballo de Lugo certifica unha «infracción grave» da ONCE en materia de xornada e tempo de traballo

A Inspección de Traballo de Lugo acaba de ditar unha resolución contra a ONCE dando lugar á «extensión dunha acta de infracción grave en materia de xornada e tempo de traballo». A notificación da autoridade laboral prodúcese tras a denuncia presentada por Comisións Obreiras (CCOO) ante a ausencia dun control da xornada e o incumprimento dos descansos do persoal. De feito, o sindicato xa presentou denuncias similares perante as Inspeccións da Coruña e de Santiago, e farao proximamente no resto de Galicia.

Desde o sindicato denunciaban as prácticas da empresa para «burlar» o control efectivo da xornada a que obriga a lei, amais de permitir exceso de horas e non respectar as libranzas de descanso. Todo isto «antepoñendo a recadación aos dereitos laborais dos seus traballadores e traballadoras», reprocha CCOO.

Na súa resolución, a Inspección de Traballo considera probado que o persoal vendedor da ONCE fixo caso omiso do decreto de rexistro de xornada —en vigor desde hai máis de dous anos—. Tamén certifica que a dirección da Once non lle entregou á autoridade laboral os informes de actividade dos terminais de punto de venda, cos cales se podería comprobar o total de horas realizadas así como o gozo dos días de descanso.

CCOO apunta que estas prácticas empresariais, «tolerando e mesmo fomentando a venda fóra da xornada laboral e en días de descanso» xa lle carreou sancións á ONCE noutras provincias do Estado. Con isto, a empresa pretende presionar o persoal con contratos temporais para que alcance as cifras de venda mínima, «malia que sexan moi por riba do que estipula o convenio». No caso de Lugo, esíxense vendas semanais de máis de 1900 euros, case o dobre do que marca o convenio vixente (1050).

A Inspección dálle á ONCE o prazo dun mes para que «estableza un rexistro diario da xornada válido, obxectivo, accesible e fiable» co que se poidan facer «as comprobacións oportunas» en materia de xornada.

Por último, CCOO lamenta que unha entidade con máis de oitenta anos de historia, etiquetada de social, arruíne a percepción social sobre ela con prácticas empresariais abusivas que vulneran a lei e os dereitos laborais.


CCOO Galicia /  ONCE /