Piden responsabilidades por non ter sancionado a mina de San Finx nos últimos 7 anos
- A Plataforma comarcal contra as verteduras da mina de San Finx, da que forma parte Ecoloxistas en Acción, pide responsabilidades por non ter sancionado a mina de San Finx nos últimos 7 anos, xa que desde 2016 solicitouse ducias de veces que se iniciase expediente sancionador.
- As confrarías de pescadores e organizacións ecoloxistas lembran que Augas de Galicia dispoñía de analíticas para este mesmo punto no río e con valores similares aos detectados en agosto para os anos 2015, 2016 e 2017, sen que actuase en todo este tempo.
As confrarías de pescadores de Noia e Portosín e as restantes organizacións da Plataforma comarcal contra as verteduras da mina de San Finx veñen de reaccionar con indignación ante o anuncio inesperado de Augas de Galicia de que ven de iniciar un expediente sancionador contra a empresa propietaria da mina, Tungsten San Finx S.L., logo de constatar o pasado 11 de agosto que os niveis de cadmio no río augas abaixo da mina superaban 78 veces os valores máximos permitidos para esta substancia tóxica e canceríxena.
Desde fai máis de 7 anos os colectivos integrados na plataforma solicitaron innumerables veces que se iniciasen estas medidas sancionadoras contra a empresa e no expediente de autorización de verteduras constan analíticas realizadas no mesmo punto do río en 2015, 2016 e 2017, que presentaban resultados igual de alarmantes, sen que a Xunta tomase ningunha medida. “Queremos saber a verdade de porque Augas de Galicia esperou sete anos para iniciar un expediente sancionador e que se depuren responsabilidades administrativas e penais”, declarou o Patrón Maior de Noia Santiago Cruz.
“Non é normal que coñecendo o grado de contaminación do río durante todos estes anos, os mesmos funcionarios e altos cargos non fixeran absolutamente nada”, indicou, suxerindo que os movementos recentes teñen que ver cos cambios na propiedade da empresa, logo de que tanto Sacyr como os seus socios australianos de Pivotal Metals abandonaran o proxecto mineiro para evitar responsabilidades polos impactos que esta podería ter sobre a ría de Muros e Noia.
Mesmo así, os colectivos da plataforma solicitaron hoxe mesmo a súa personación no expediente sancionador para, afirman, “evitar que se converta nunha farsa e asegurar que se adopten as medidas cautelares necesarias para impedir que a contaminación poida chegar á ría”. Por iso, pediron a Augas de Galicia que obrigue á empresa a parar de forma inmediata as verteduras de augas residuais de mina mediante as mellores técnicas dispoñíbeis, incluíndo o selado de transversais de desaugue mediante ‘bulkheads’ e o taponado de chemineas e pozos de ventilación permitindo así a reinundación das plantas que foron baleiradas desde 2008 e creando condicións anaerobias que minimicen os procesos de xeración de drenaxes ácidas de mina.
“Isto é precisamente o contrario do que pretende facer a Xunta ao permitir o baleirado das plantas inferiores da mina, pois isto só levaría a un aumento dos niveis de contaminación ao expoñer as plantas inundadas ao osíxeno, que fai que se disolvan os metais presentes nas rochas das galerías”, aclarou Joám Evans, portavoz da plataforma e membro de Ecoloxistas en Acción.
A Plataforma insiste que é o momento de aplicar a Lei de Responsabilidade Medioambiental, o principio de “quen contamina paga”, impoñendo sen demora á empresa as medidas provisionais preventivas e de evitación para impedir a continuidade dos vertidos contaminantes. Ademais, insisten na necesidade de establecer avais e garantías ambientais para asegurar que a empresa fai fronte aos danos, dado o risco de quebra da mercantil e de fuga dos seus administradores, todos estranxeiros.