Desprotección na caza
- A supresión do guía nos axexos supón para o cazador máis liberdade para facer o que lle dé a gana.
- A Xunta da un paso máis na desprotección das especies cinexéticas.
- Aumentan os riscos da caza para os usuarios do monte e para os cazadores.
Obedecendo ás asociacións de cazadores a Xunta de Galicia ven de modificar a descrición que, da caza maior na modalidade de axexo, se fai na Lei de caza, e a define como «modalidade practicada por unha soa persoa cazadora que de forma activa e a pé efectúa a busca, seguemento e aproximación á peza de caza maior co fin de capturala».
Ata agora, nesta forma de caza selectiva e individual, era sempre obrigada a axuda dun garda ou guía, experto no coñecemento da fauna e na identificación por sexo e idade dos animais das especies cazables; as súas decisións debían ser seguidas estrictamente, era quen lle indicaba ao cazador as pezas sobre as que podía disparar de acordo cos plans de caza, dirixía a persecución, remate e cobro da peza, podía suspender a cazaría se consideraba que as condicións non eran as axeitadas e tamén era o responsable de expedir
a guía para o transporte dos restos das pezas abatidas. Coa modificación o guía só se considera necesario nas cazarías en parques naturais e en terreos nos que a titularidade cinexética lle corresponde á administración, que supoñen só un 6 % do total dos terreos cinexéticos maioritariamente constituidos en tecores; nestos tecores, arredor do 90 % dos terreos cinexéticos, a figura do guía desaparecerá.
Hai que ter en conta que a maioría dos cazadores teñen máis de 60 anos, coa conseguinte perda fisiolóxica da agudeza visual e das condicións físicas, ainda que conserven a inclinación pola caza. Tamén hai que lembrar as frecuentes confusións que se producen nas cazarías, de lobo con raposo, de cocho doméstico con xabaril, e de compañeiros, ciclistas, traballadores agrícolas e paseantes en xeral con pezas de caza. Danse moitas circunstancias para que sexa aconsellable o acompañamento dun guía.
A Resolución anual de caza permite cazar xabaril nos axexos de corzo. A caza do xabaril conleva un risco maior, en moitos casos un xabaril ferido ou acosado revólvese e ataca ao cazador. Nun axexo sen guía, o cazador está máis exposto a accidentes de caza.
¿Cáles son as razóns para que os cazadores pidan cazar sen guía? Canto menos control haxa, os cazadores síntense máis a gusto, moléstalles cazar baixo a supervisión dun guía. Tamén pode ter certa importancia a cuestión económica.
¿Cáles son as razóns para que a Xunta non considere necesario o guía nos tecores? Non se atopa ningunha boa, se as houbera tamén se suprimiría o guía nos parques naturais. A única razón é ter contentos aos cazadores por diversos motivos. O axexo con guía estaba regulado dende o ano 2001 e a Xunta non explica a necesidade do cambio, que supón unha merma no control da actividade cinexética e polo tanto na protección do medio.
A supresión do guía nos axexos supón un paso máis na liberdade do cazador para facer o que lle dé a gana. Supón tamén un avance na desprotección das especies silvestres en xeral e das cinexéticas en particular, xa que o guía tiña a función de garantir unha caza selectiva. A devandita supresión do guía tamén fai máis perigosos os axexos, aumentando os riscos da caza para os usuarios do monte e para os cazadores.