Gómez Reino pide por carta a Teresa Ribera que protexa a Ría de Vigo
“A situación é moi delicada e a falta de protección e de responsabilidade por parte da Xunta de Galicia fai que teñamos que pedir ao Goberno que protexa a Ría de Vigo e a súa riqueza medioambiental”.
Galicia en Común rexistrou unha iniciativa parlamentaria relativa aos recheos na ría de Vigo, concretamente, ao prego de bases de licitación da “asistencia técnica para a redacción do proxecto construtivo de ampliación da terminal de Bouzas (Fase 1)” da Autoridade Portuaria de Vigo.
O documento recolle que a intención das obras radica en “ampliar a zona portuaria de Bouzas mediante a ampliación das liñas de atraque e xeración dunha exterior transformando o dique existente en peirao vertical”. A formación indicou nesta proposta que se trataría dunha obra nova xa que a Fase 1 non inclúe estas operacións.
Por tanto, a Fase 2, que supoñería obter unha superficie de 49.000 metros cadrados, situaríase na Zona II da Zona de Augas da Zona de Servizo do Porto de Vigo, polo que é obrigatorio dispoñer dun Plan de Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios do Porto de Vigo (DEUPPV) e dun Plan Director de Infraestrutura (PDIPV), que de momento non existen.
Antón Gómez Reino sinalou o impacto ambiental que poderían ter estas actuacións ao ser unha zona clave de conectividade entre as augas do mar aberto e a zona interior da ría, onde no seu interior se atopa a Zona Espacial de Conservación (ZEC) Enseada de San Simón. O deputado remitiu por carta ao Ministerio de Transición Ecolóxica a súa preocupación acerca das potenciais afeccións dos diferentes proxectos da ampliación do Porto de Vigo na actividade pesqueira e marisqueira, un sector fundamental para o noso país.
Galicia en Común preguntou ao Goberno sobre a validez do impacto ambiental da Fase 1 así como as razóns polas que non se inclúen as próximas obras. “A situación é moi delicada e a falta de protección e de responsabilidade por parte da Xunta de Galicia fai que teñamos que pedir ao Goberno que protexa a Ría de Vigo e a súa riqueza medioambiental”, alegou Gómez Reino.