Leve repunte do emprego en Galiza durante o mes de decembro polo aumento da precariedade na contratación
O paro descendeu unicamente no sector servizos e medrou nos que mellores condicións laborais teñen, como industria ou construción.
O mes de decembro pechouse con 129.504 persoas anotadas no SEPE en Galiza como desempregadas, 1664 menos que as rexistradas en novembro, o que supón un descenso do 1,27%. Esta leve baixada do desemprego está motivada polo aumento da precariedade na contratación, tendo en conta que son os sectores con peores condicións laborais os que concentran o medre do emprego. De feito, a práctica totalidade dos novos empregos rexistráronse no sector servizos, con 1637 persoas paradas menos dun total de 1664. Pola contra, o paro incrementouse nos sectores con mellores condicións, como a industria ou a construción.
Tal e como sinala, o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, a última reforma laboral e as novas modalidades de contratación están a provocar un aumento imparábel da precariedade como consecuencia dun modelo económico baseado na inestabilidade laboral que potencia os sectores con peores condicións.
De xeito que malia que a contratación indefinida medra, faino da man da inestabilidade laboral mediante o abuso da contratación a tempo parcial e da fixa descontinua, dos ERTE como medida de flexibilidade ou, tal e como se constata mes a mes, no incremento da contratación a través de ETT a un ritmo superior ao que se rexistraba antes da reforma.
“En consecuencia, vemos como nos sectores con mellores condicións laborais, como a industria e a construción, o número de persoas paradas aumenta, mentres que os que peores condicións teñen, como o sector servizos, experimentan un lixeiro medre do emprego. Unha baixada do paro que se rexistra tradicionalmente coincidindo coa campaña de Nadal polo tirón do comercio e da hostalaría nesas datas”, explica Sío.
O responsábel sindical fai fincapé en que estes contratos precarios “que se disfrazan baixo o modelo de contratación fixa ou fixa descontinua” afectan principalmente ás mulleres, tal e como a CIG vén denunciando dende a entrada en vigor da reforma. “Até o punto de que a práctica totalidade da baixada do paro rexistrada foi entre as mulleres”.
Caída da afiliación á Seguridade Social
Ao mesmo tempo produciuse unha caída da afiliación á Seguridade Social, con 1283 persoas menos en decembro, mentres que a interanual tivo un comportamento positivo. “Isto ten que ver con que aínda que se creou emprego medrou a contratación temporal por circunstancias da produción, que continúa ao mesmo nivel que antes da reforma xa que o único que fixeron foi cambiar o contrato por obra e servizo polo fixo descontinuo”.
Para Sío, aínda que poida parecer que este tipo de contrato trae maior estabilidade “na práctica non é así”. Neste senso, lembra que de feito o Goberno español vén de aprobar unha reforma das prestacións por desemprego para que sexa o propio Estado o que asuma os períodos de inactividade das persoas traballadoras. “De xeito que utilizan este modelo de contrato como unha ferramenta de flexibilidade sufragada con cartos públicos que xera inestabilidade e impide a conciliación da vida laboral e familiar”.