CCOO reivindica a necesidade dun plan para que Galicia poida dar solucións aos sectores con problemas estruturais
Os datos do paro rexistrado do mes de maio reflicten que a contratación indefinida multiplica por catro os valores de hai un ano. Isto, malia o retroceso da contratación indefinida e a repunta da temporal debido ás contratacións da temporada estival. Actualmente, o 38 % dos contratos rexistrados son indefinidos, cando doce meses atrás eran só o 10 %. Malia a evolución positiva dos datos de emprego do mes de abril, mellores ca antes da pandemia, Galicia segue sen regresar ás cifras previas á crise do 2008.
Para a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, os datos positivos de hoxe «non poden facernos esquecer que en Galicia temos sectores produtivos, especialmente industriais, que arrastran problemas estruturais sen resolver», ademais de colectivos «especialmente expostos» aos incrementos de prezos derivados da invasión de Ucraína e da alza dos prezos enerxéticos.
CCOO demanda ao novo presidente da Xunta un «plan de actuación real para paliar as consecuencias da crise actual no noso tecido produtivo e nos galegos e galegas con máis dificultades, e non simples medidas cosméticas como aconteceu ata o de agora».
Por último, a sindicalista lembra que os traballadores e traballadoras «xa fixeron a súa achega» durante a pandemia, permanecendo en ERTE co 70 % do salario «mentres as empresas se beneficiaban de bonificacións e axudas». Agora que xa se está a «dignificar» o emprego, «cómpre facer o mesmo cos salarios», sinala. Por esta razón, Bouza insta as organizacións empresariais, que están a repercutir nos seus produtos a alza de prezos, «a faceren tamén a súa contribución, pois a clase traballadora perde poder adquisitivo día a día».
Análise dos datos
Os datos coñecidos hoxe indican que, en maio, o paro rexistrado baixou en Galicia en 4482 persoas (-3%), mentres que no Estado se reduce un -3,29 %. A afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra un crecemento de +3866 afiliados e afiliadas. Se consideramos os datos da afiliación media mensual, medra en +6751 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior.
O desemprego baixa tanto nas mulleres (2257 desempregadas menos) coma nos homes (2225 desempregadas menos). A pesar da redución do desemprego feminino, seis de cada dez persoas paradas son mulleres, polo que se mantén a fenda de xénero no emprego.
O desemprego diminúe no colectivo de menores de 25 anos (con 626 mozos e mozas desempregadas menos) e tamén entre as persoas maiores desa idade (3853 paradas maiores menos).
En Galicia había 14 6120 persoas desempregadas ao remate do mes de maio, un 11,6 % menos ca no mesmo mes do ano anterior (porcentaxe inferior á rexistrada no conxunto do Estado, onde o desemprego cae un 22,70 % en termos anuais).
No mes de maio fixéronse 69 557 contratos en Galicia. A contratación indefinida cae un 2,8 % no último mes e a maior parte dos contratos seguen a ser temporais (43 150 temporais por 26 407 indefinidos). Os datos publicados hoxe evidencian que, nun ano, a temporalidade na contratación rexistrada baixou en 28 puntos pasando de supoñer o 90 % do total en maio do 2021 ao 62 % en maio do 2022.
Análise por sexos e sectores
En Galicia están no desemprego 61 026 homes (2225 menos que en marzo) e 85 094 mulleres (2257 menos que no mes anterior). Seis de cada dez persoas paradas son mulleres. Atendendo ás idades, hai 5776 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (626 menos que en marzo) e 140 344 maiores desa idade (3853 menos).
O paro diminúe en todos os sectores de actividade, aínda que o 73,47 % da redución se debe ao sector dos servizos. No sector primario hai 75 persoas desempregadas menos, 549 na industria, 307 na construción e 3293 nos servizos. No colectivo sen emprego anterior hai 41 persoas paradas menos.
Análise da contratación
En maio rexistráronse en Galicia 69 557 contratos, dos cales 43 150 foron temporais e 26 407 indefinidos. Os contratos temporais supoñen o 62,03 % do total de contratos rexistrados. A contratación indefinida cae un 2,8 %, mentres que a temporal medra un 16 %. O volume de contratos rexistrados en maio foi superior nun 13,14 % aos formalizados no mes de abril.
Afiliación á Seguridade Social
Canto á Seguridade Social, cos datos do último día do mes, a afiliación sobe en 3866 persoas alcanzar 1 039 534 afiliados e afiliadas, rexistrando un crecemento do 0,37 % respecto do mes anterior, similar ao do Estado.
A afiliación media mensual medra en 6751 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 040 748. Deste total, 813 024 corresponden ao réxime xeral, 208 153 ao de autónomos e 19 571 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia crece nun 0,65 % e no Estado nun 2,99 %.
Prestacións por desemprego
En abril cobraron algún tipo de prestación por desemprego 83 668 persoas: 37 128 prestacións contributivas e 46 540 subsidios.
Canto aos ERTE do mes de maio, este mecanismo daba cobertura a 1820 persoas ao final do mes, das cales 1616 estaban en ERTE ETOP, 46 en ERTE de forza maior e 158 no Mecanismo Rede sectorial de axencias de viaxe. Do total de persoas afectadas, 1118 son homes e 702 mulleres.