Ana Pontón: “Fronte aos bloques de Feijóo e Sánchez e os seus aliados, o noso bloque é Galiza»
- Afirma que as eleccións Xerais do 23 de xullo van “de facernos valer con máis forza para que Galiza teña peso político en Madrid e usalo en favor dos intereses da sociedade galega.
- “Precisamos lograr un grupo galego forte no Congreso que sexa determinante e que poida negociar e condicionar en favor dos intereses de Galiza”
Tras a primeira reunión do Consello Nacional do BNG, despois do 28M, e ante a convocatoria das eleccións xerais previstas para o 23 de xullo, a portavoz nacionalista, Ana Pontón, afirmou que “fronte aos bloques de Feijóo e Sánchez e os seus aliados, o noso bloque é Galiza e a nosa proposta unha candidatura de país para lograr un grupo galego forte en Madrid”.
O BNG dixo, encara a convocatoria de eleccións xerais, como un “gran reto” ao que nos enfrontamos “con confianza e entusiasmo” cunha candidatura de país para lograr “un grupo galego forte en Madrid”.
Temos o motor posto a punto, a maquinaria engraxada, un equipo magnífico dando o mellor de si nos traballos de campaña e imos ter as mellores candidatas e candidatos para pilotar a proposta que queremos facer chegar á sociedade galega.
A líder do BNG considerou que a nova convocatoria electoral puido pillar a algúns a contrapé, pero no BNG “vimos dun moi bo resultado nas Municipais e estamos no mellor momento da nosa historia”. Este é un BNG, recalcou “que sae a gañar, con confianza e con ambición, coa mesma confianza e ambición que queremos para o noso país”. Para iso, precisamos “ter unha voz máis forte en Madrid para que Galiza exista con forza e con peso na axenda estatal e poder así garantir que as cuestións galegas sexan atendidas”.
Estas eleccións Xerais do 23 de xullo, van de todo iso: “de facernos valer con máis forza, de ser un actor político determinante, de que Galiza teña peso político en Madrid para usalo en favor dos intereses da sociedade galega”.
Por outra parte, advertiu que o deseño de campaña desde Madrid vai ser máis centralista ca nunca. “Queren que as vindeiras Xerais vaian de escoller entre dous bloques: o bloque de Feijóo e aliados fronte o bloque de Sánchez e aliados”. E fronte ese esquema, o noso bloque está claro, “o noso bloque é Galiza. E a nosa proposta, moi clara tamén, unha candidatura de país para un grupo galego forte en Madrid.”
Pontón destacou “o magnífico e intenso traballo” do deputado Néstor Rego así como os logros para Galiza e para as maiorías sociais. “Se puidemos facer iso cunha única voz, a de Néstor Rego, estou segura de que poderemos ser determinantes reforzando a presenza do BNG en Madrid”.
Hoxe lideramos a alternativa ao Partido Popular; somos a referencia do cambio galego; imos gobernar a capital de Galiza; superamos as enquisas, elección tras elección, e todo isto é produto dun traballo con humildade, mais tamén con ambición. “Non nos poñemos límites. Temos vocación de maioría, de hexemonía e de goberno, para transformar o país e mellorar a vida dos galegos e das galegas”.
Lográmolo porque somos a forza que defende sempre os intereses de Galiza, en todos os parlamentos, desde todas as institucións, e tamén desde a propia sociedade, diante de quen os haxa que defender, remarcou a líder do BNG.
Os resultados municipais do BNG confirman que o cambio galego está en marcha
Na súa intervención, tras agradecer o esforzo e traballo da militancia no proceso electoral municipal, afirmou que os resultados do BNG do pasado domingo confirman que o “cambio galego está en marcha”
Hai unha onda de cambio que non para de medrar desde as pasadas eleccións Galegas de 2020, e que ten ao BNG como a súa referencia. “As eleccións Municipais que se veñen de celebrar son aínda máis vento nas velas para o proceso de cambio político en Galiza, co BNG como protagonista”.
O pasado domingo obtivemos un total de 590 concelleiros e concelleiras, 134 máis que en 2019. Dixemos en campaña que íamos ser a forza política que máis subiría nestas elección e o resultado así o avala: En votos o BNG tivo un incremento do 28% do seu apoio, fronte ao 9% do PP e o descenso do 15% do PSOE e en número de concelleiros e concelleiras tivemos un incremento do 29%, case catro veces máis que o PP.
19 maiorías absolutas, máis de 40 concellos e un gran número de cogobernos
Unha vez rematado o proceso de conformación dos novos gobernos municipais teremos a alcaldía de ao redor de 40 concellos do noso país. Faremos parte tamén dun número moi importante de cogobernos. Recuperamos a representación en vilas e concellos en que non tíñamos. E no ámbito das cidades, á magnífica labor do Goberno Municipal do BNG en Pontevedra, imos sumar agora a alcaldía da capital de Galiza, Santiago de Compostela. Dixemos en campaña que iamos facer historia e cumprimos: “Goretti Sanmartín será a primeira alcaldesa de Compostela”.
Pontón amosou a súa confianza na nova xeración, en todos eses mozos e mozas que chaman ás portas para gañar un futuro mellor, “esa Galiza nova que confía en si mesma e vive plenamente o seu tempo desde a súa Terra; con orgullo, compromiso e modernidade”.
Somos unha nación, un territorio, cunha dinámica política propia, diferenciada e que non se axusta á dinámica estatal imposta polo centralismo. Que tome nota a dereita española, porque “os marcos trumpistas en que desenvolveu a campaña no Estado non lles serviron para Galiza”.
E mentres vemos con preocupación como no Estado as chamadas forzas progresistas baixan, en Galiza o BNG medrou, fortaleceuse, avanzou e foi canle de esperanza e de ilusión para milleiros de galegos e galegas que confiaron en nós e na nosa proposta de transformación.
Pontón concluíu a súa intervención lembrando que os resultados do pasado 28 de Maio colocan ao BNG como a forza política que máis sobe en Galiza, “reforzan aínda máis a tendencia iniciada nas eleccións galegas e sitúannos como a referencia clara do cambio político en Galiza”.