Asembleas e mobilizacións o 5 de xuño polo dereito a unha xubilación digna para todas e todos
Menos de ano e medio despois de aprobar a última reforma das pensións, o Goberno español prepara unha modificación da xubilación parcial e da anticipada por coeficientes redutores. Na súa practica habitual, o executivo autodenominado ‘máis progresista da historia’ usurpa os dereitos de representación institucional das centrais coa condición de máis representativas, como a CIG, e suplanta os organismos públicos polo diálogo social, abordando de maneira opaca unha reforma que ameaza con introducir novos recortes no sistema público de pensións.
n resposta á falta de información sobre o que se está a negociar, a CIG ten en marcha unha campaña en defensa do dereito a unha xubilación digna para todas e todos. Neste marco, a central nacionalista ten convocadas para o próximo 5 de xuño asembleas comarcais de delegadas e delegados e mobilizacións posteriores nas oficinas do INSS para reivindicar transparencia, que se teñan en conta as propostas da CIG nestas materias e os seus dereitos de participación institucional.
Horas e lugares das asembleas e mobilizacións
- Pontevedra: ás 10h asemblea na Biblioteca Pública do Estado (rúa Alfonxo XIII) e ás 12h manifestación até o INSS. Nesta mobilización participará o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
- A Coruña: ás 10h asemblea no salón de actos do edificio sindical e ás 12h concentración no CAISS (rúa Félix Estrada Catoira).
- Ferrol: ás 10:30h asemblea no local sindical e ás 12h concentración diante do INSS (rúa Catalunya).
- Lugo: ás 10h asemblea no salón de actos do edificio sindical e ás 12:30h concentración diante do INSS (Ronda Músico Xosé Castiñeira).
- Santiago de Compostela: ás 10:30h asemblea no Hotel Compostela e ás 12h manifestación dende a Praza de Galiza até o INSS.
- Ourense: ás 10:30h asemblea no salón de actos do edificio sindical e ás 12h concentración diante do INSS (rúa Concello).
- Vigo: ás 09:30h asemblea no salón de actos dos Capuchinos e ás 12h manifestación até o INSS.
Constátanse os recortes
A instancias da CIG, o secretario xeral, Paulo Carril, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, reuníronse o 16 de maio en Madrid co secretario de estado de Seguridade Social para coñecer o que se está a negociar e trasladarlle ás propostas da CIG.
No encontro denunciouse a opacidade e o secuestro que fai o Goberno español deste cambio normativo a través do diálogo social, saltándose os organismos públicos, e a negativa a respectar o papel institucional de todos os sindicatos que, como a CIG, teñen a condición de máis representativos.
Confirmouse tamén que se pretende avanzar nunha solución que endurecerá a xubilación parcial, acabando con este dereito aos 61 anos, estabelecéndoa a partir dos 63 e só para un colectivo limitado. Ademais, advirte Carril, esta reforma «non vai ser xusta nin no recoñecemento de coeficientes redutores para moitos sectores de actividade, nin tampouco o mecanismo terá a axilidade para permitir que se recoñeza con celeridade o acceso a este dereito para novas actividades e profesións que teñen condicións especialmente penosas, perigosas e de insalubridade».
Para González Sío chamou a atención como o Ministerio de Seguridade Social se suma «de maneira entusiasta» á aposta pola privatización da sanidade pública ao colaborar na posta en marcha do que a patronal estatal, CCOO e UGT pactaron no V AENC para que os procesos de IT e as patoloxías derivadas de enfermidades músculo-esqueléticas sexan tratadas polas mutuas, que «xa son hoxe un instrumento de abuso enorme».
Cualificou de «escandaloso que o Goberno actúe ao ditado deste VAENC sen pasar polo Congreso nin por ningún ámbito institucional, nunha materia tan crítica como son os coidados da saúde das persoas traballadoras».
A CIG reclama que se restabeleza o dereito á xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras e sectores, non só para a industria manufactureira; recuperar a xubilación aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións; e recoñecer e mellorar os procedementos para acceder aos coeficientes redutores para anticipar a xubilación sen recortes e con todos os dereitos.