Redacción •  Galicia •  04/10/2024

A CIG mobilízase nas sete cidades contra o recorte das pensións pactado no diálogo social

Dificúltase o acceso a unha xubilación digna mentres se recuperan bonificacións para a patronal e se amplía a capacidade de actuación das mutuas.

A CIG mobilízase nas sete cidades contra o recorte das pensións pactado no diálogo social

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na asemblea e concentración de Compostela, reiterou ás críticas ao total escurantismo que caracterizou a negociación desta reforma e denunciou que o Goberno estatal pretenda agora sacala adiante «pola porta de atrás» mediante ordes ministeriais ou mesmo que o Congreso avale este acordo argallado fóra dos ámbitos institucionais sen ningún tipo de debate.

Lembrou Carril que malia a posta en escena da sinatura, a día de hoxe non se fixo público o contido íntegro do texto, o que «nos leva a pensar que aínda é moito peor e máis regresivo do que se coñece publicamente». Por iso instou os partidos políticos con representación no Congreso dos e das Deputadas a que non permitan que se aprobe unha reforma que afecta directamente ao dereito a unha xubilación digna e que, ademais, afonda na privatización da sanidade pública.

Con este acordo seguimos perdendo dereitos

Sobre o que se coñece do acordo, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, subliña que todo o que non signifique recuperar a xubilación parcial aos 61 anos en todas as actividades constitúe un prexuízo para os dereitos que a clase traballadora xa tiña recoñecidos e que lle foron roubados nas diferentes reformas das pensións encadeadas dende o ano 2011.

Cómpre lembrar que nese ano, o Goberno de Zapatero, co aval de CCOO, UGT e a patronal, executou unha lesiva reforma para atrasar a idade de xubilación aos 67 os anos, incrementar os anos de cotización para o período de cálculo e recortar o dereito á xubilación parcial aos 61 anos.

Para a industria manufactureira, que agora ten recoñecida a xubilación parcial a partir dos 61 anos, amplíase de dous a tres anos a posibilidade de anticipar a xubilación parcial, «mais descoñecemos se a partir dos 61 anos ou atrasándoa até os 62 anos». Para o resto de traballadores e traballadoras o acceso ao retiro parcial fica como xa estaba, pero sen poder adiantala máis de tres anos. Neste acordo tampouco se dá solución á reivindicación do recoñecemento da xubilación parcial para as persoas traballadoras empregadas públicas.

Para Carril «hai un recorte na medida en que as persoas traballadoras non se poden xubilar aos 61 anos, afianzando a xubilación ordinaria aos 67 anos, e continúan exixíndose carreiras de cotizacións moi longas que, nun mercado laboral precarizado como o actual, deixa a moitas persoas fóra deste dereito».

O secretario xeral da CIG recriminou que se estea falando do atraso da idade de xubilación co obxectivo de recortar os gastos en pensións, ao tempo que se fai un «derroche de cartos» para subvencionar a prolongación da vida laboral. Xubilacións tardías, engadiu Carril, que prexudican a xeración de postos de traballo (o Estado español ten a taxa de desemprego xuvenil máis elevada da UE), agravan as situacións penosas de moitas persoas traballadoras e van no camiño contrario ao necesario rexuvenecemento dos cadros de persoal. 

Sen coeficientes para as profesións máis penosas

No relativo á xubilación anticipada por coeficientes redutores, o secretario xeral critica que con esta reforma non se resolven as reivindicacións de moitos colectivos que desenvolven a súa actividade en profesións especialmente perigosas, tóxicas ou penosas, xa que non se lle recoñecen coeficiente redutores, nin se estabelece un procedemento para permitir que se recoñeza con celeridade o acceso a este dereito para novas actividades e profesións. «Non existe ningún recoñecemento para que poidan acceder á xubilación anticipada con todos os dereitos e sen sufrir recortes».

Fronte a isto, defendeu traballar en modificacións lexislativas pero para garantir a xubilación parcial aos 61 anos como un dereito para o conxunto da clase traballadora; retornar á xubilación aos 65 anos e non aos 67; que esta sexa voluntaria para aquelas persoas traballadoras que a calquera idade teñan acreditado 35 anos de cotización á Seguridade Social.

De igual xeito, mplantar mecanismos áxiles que permitan o acceso á xubilación a través de coeficientes redutores a moitas profesións perigosos, tóxicas e penosas como construción, transporte de viaxeiros/as e de mercadorías, sector sanitario e sociosanitario, actividades de coidados, dependencia, servizo de gardacostas, persoal bombeiro e axentes forestais, plantas de tratamento de lixo, etc.

Máis poder para as mutuas e incentivos ás empresas

Pero o acordo que se negociou no diálogo social afonda tamén na privatización da sanidade pública ao ampliar os ámbito de actuación das mutuas na xestión da saúde das persoas traballadoras.

Desta maneira, o Goberno español asume os acordos atinxidos entre a patronal estatal e os sindicatos CCOO e UGT no V AENC para que sexan estas entidades privadas as que xestionen os procesos de Incapacidade Temporal e as patoloxías derivadas de enfermidades músculo-esqueléticas.

«Sen pasar polo Congreso nin por ningún ámbito institucional, o Goberno actúa ao ditado do AENC e avala modificacións nunha materia tan crítica como os coidados da saúde das persoas traballadoras para outorgarlle máis poder as mutuas, cando xa hoxe son un instrumento de abuso enorme a prol dos intereses da patronal». Alerta o secretario xeral da CIG que esta medida, posta en man do PP na Xunta de Galiza, «pode multiplicar os seus efectos negativos como unha nova ferramenta para desmantelar o sistema sanitario público».

Considera «escandaloso» que se recupere a figura do incentivo en forma de redución das cotizacións por continxencias profesionais ás empresas que diminúan a sinistralidade laboral, «cando estamos a vivir uns momentos de elevadísima sinistralidade e cando non existe ningunha medida que free esta realidade, sabendo a responsabilidade que ten a patronal por non adoptar medidas de seguridade suficientes».

Finalmente, Paulo Carril reitera a oposición frontal da CIG a que se amplíen as competencias das mutuas, e por este razón, a central sindical xa mantivo reunións co conselleiro de Emprego e coa Consellaría de Sanidade e se dirixiu aos grupos parlamentares para demandar que a Xunta de Galiza non subscriba convenios de colaboración coas mutuas para cederlle competencias propias do SERGAS.


pensiones /