Medra o número de persoas desempregadas e cae a afiliación á Seguridade Social en Galiza
- O paro rexistrado aumentou en todas as provincias, idades e sexo e tan só por sectores descendeu na construción.
O mes de outubro rematou con 2.705 persoas desempregadas máis, rexistrándose en Galiza un total de 133.348. Parello a isto caeu a afiliación media á Seguridade Social, con 3.259 afiliadas/os menos que no mes de setembro, un descenso do 0,3%, que deixa o número medio de afiliación en 1.067.851 persoas. Esta evolución contrasta co sucedido no resto do estado, onde malia medrar tamén o desemprego -menos que en Galiza- aumenta a afiliación, neste caso un 0,4%.
Diante desta evolución do paro rexistrado e da afiliación á Seguridade Social, o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, considera que isto pode ter que ver co agravamento dos problemas demográficos, sobre todo coa emigración. “Cando imos aos datos de persoas desempregadas en Galiza, por idades, vemos que o 60% teñen máis de 45 anos. Isto confirma que hai un grave problema de emigración, que non hai traballo para as persoas novas, sobre todo as máis cualificadas”, explica.
Subliña ademais que as actividades que producen emprego no noso país “son aquelas que demandan moito traballo físico, como hostalería e restauración, do sector Servizos” e que quen adoita ocupar eses postos de traballo é xente nova.
Xunto a isto, González Sío apunta que o 81% da caída da afiliación se corresponde coa provincia de Pontevedra, mentres que na Coruña se mantén. “Isto ten que ver con que na Coruña, aínda que en menor medida, o efecto Xacobeo aínda se mantén, mentres no resto de provincias non existe. O sector servizos, co remate da época estival perde forza e, polo tanto, baixa esa afiliación á Seguridade Social de forma importante e moi preocupantemente, sobre todo en Pontevedra, que asume case na súa totalidade a baixada”.
Temporalidade e precariedade, malia a reforma laboral
O secretario confederal de Emprego da CIG cruza estes datos coa caída da afiliación. Analizando as variábeis conclúe que a maioría do descenso se produce nas persoas con contrato temporal, que son 7.000. “Isto ten que ver con que a reforma laboral, por moito que a cacarexen, segue actuando da mesma maneira: cando baixa o traballo hai un descenso enorme das persoas eventuais e despídense sen ningún tipo de problemas e cando sobe o emprego aumenta a temporalidade, como se ve nos datos do paro, onde mes a mes máis de 40.000 persoas, neste mes 42.700 tiveron contrato temporal, igual que antes da reforma laboral”.
Respecto dos contratos indefinidos salienta que “o contrato que se leva a palma é o indefinido a tempo parcial e o fixo descontinuo, sobre todo”, xa que dos preto de 5.000 contratos indefinidos, 2.600 son fixos descontinuos. Por iso conclúe que “a reforma funciona perfectamente, os que antes tiñan contrato temporal de obra e servizo agora teñen contrato indefinido. Cambiouse a nomenclatura pero a temporalidade e a precariedade persisten”.
Respecto da situación por provincias, González Sío considera que é parella á da Seguridade Social, aínda que en menor medida, porque onde máis aumenta é tamén na provincia de Pontevedra. Porén neste caso entende que ten que ver moito co sector industrial e, nomeadamente coa automoción, xa que “sempre baixa nos últimos meses do anos a produción e, polo tanto hai un descenso das traballadoras e traballadores nese sector”, afirma.
Por sectores, o 84% do paro que se creou o pasado mes foi, novamente. no sector Servizos. Por iso o secretario confederal de Emprego considera que a situación do mercado laboral galego está directamente relacionada co modelo económico que hai. “Baséase en sectores moi precarios. Cando hai unha baixada da demanda desfanse das persoas que traballan nese sector e cando hai aumento demandan traballadoras/es e descende o paro”.
Por iso advirte da “enorme dependencia da situación económica e de que non haxa unha nova crise e aumente o paro de golpe, como ocorreu en anteriores crises, xa que non hai emprego nin seguro, nin con condicións dignas”.