Redacción •  Galicia •  04/12/2023

Industria tamén se suma ao rexeitamento do macroproxecto eólico na Limia  

  • A consellería emitiu informes desfavorábeis aos parques e á liña de alta tensión, uníndose ao rexeitamento social expresado polas máis de 1.000 alegacións recollidas por Stop Eólicos Xurés Celanova e á oposición expresada por unanimidade desde o Concello de Xinzo de Limia.
  • Lembra a mobilización polo día das montañas. Concentración provincial de colectivos e veciñanza en Vilar de Barrio. Domigo 10 de decembro ás 12.00 horas.
Industria tamén se suma ao rexeitamento do macroproxecto eólico na Limia  

A Consellería de Economía, Industria e Innovación vén de emitir a finais de outubro dous informes desfavorábeis a tres dos proxectos, así como á liña de evacuación, que conforman o macrocomplexo eólico denominado Cluster A Limia, que remitiu documentos iniciais ao Ministerio para la Transición Ecológica para a instalación de 49 aeroxeradores de 240 metros de altura e unha Liña de Alta Tensión de 96 quilómetros que atravesaría 18 concellos entre Castrelo do Val e Castrelo do Miño.  

O escrito da Xunta subliña que a Lei 8/2009, de 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galiza determina que “non se poderán implantar parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan Sectorial Eólico” de Galiza.

A Consellería de Economía, Industria e Innovación sinala que unha parte das poligonais dos proxectos PE A Limia-Altos de Verín e PE A Limia-Sarreaus “atópase emprazada fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE) incluídas dentro do Plan”.

A respecto da Liña de Alta Tensión para a evacuación da produción do macrocomplexo, informa de que non garda as distancias mínimas e afecta a outros proxectos eólicos en tramitación, ademais, indica que no caso do PE A Limia-Altos de Verín “afecta á área de protección de turbeiras”

A Xunta informa desfavorabelmente tanto dos proxectos PE A Limia-Altos de Verín e PE A Limia-Sarreaus, como da LAT, e anota que “dada a lonxitude da liña de evacuación, non se considera adecuada a súa execución (…) e considérase necesaria unha planificación racional e ordenada das infraestruturas de evacuación e as de transporte, baixo o principio de rede única e evitar unha rede paralela de evacuación”.

Informes similares a respecto das ADE planificadas no documento sectorial de Galiza xa serviron para frear outros procesos de tramitación de infraestruturas eólicas no MITECO, que se ocupa da xestión dos macropolígonos de máis de 50 MW de potencia.

Cabe sinala, que o Plan Sectorial Eólico de Galiza non se someteu á avaliación ambiental estratéxica tal e como estable a Ley 21/2013, de 9 de diciembre, de evaluación ambiental. Unha cuestión que está a debate esta mesma semana no Parlamento de Galiza. Os colectivos e plataformas veciñais veñen reclamando a revisión do plan ou a elaboración dun novo documento dadas as eivas do plan vixente.

Tamén cómpre sinalar que a ameaza dunha infraestrutura de semellantes dimensión como a que se tramita no MITECO provocou o debate nos plenos municipais de Xinzo de Limia (a raíz dunha moción conxunta do BNG e do PSdeG-PSOE na que se solicita unha moratoria eólica na Limia en canto non se reforme ou renove o plan eólico do país) e nos de Sarreaus e de Trasmiras, a proposta da plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA, que foi recollida polos representantes do BNG.

A plataforma tamén rexistrou moción neste sentido noutros concellos directamente ameazados pola LAT, como Vilar de Barrio, Rairiz de Veiga, Sandiás e A Bola para a súa toma en consideración por parte das corporacións municipal co obxectivo de lograr unha resposta institucional á demanda de moratoria eólica e reformulación do plan sectorial.

Xinzo, 4.12.23


energía eólica /